Noa Presas pide que a Xunta se sente co sector do viño e negocie axudas para paliar as perdas das xeadas

NOAPRESAS VISITA VIÑEDOS OURENSE
  • Ve “insultante” que Medio Rural culpe aos produtores alegando “que non está suficientemente asegurado”, tras a visita á Comarca do Ribeiro

A deputada por Ourense Noa Presas visitou algunhas das zonas vitivinícolas máis afectadas polas xeadas na Comarca do Ribeiro e criticou a inacción da Xunta ante unha situación que está a provocar cuantiosas perdas nun dos sectores económicos estratéxicos para a provincia de Ourense.

Por iso, Presas cualificou de “insultante” a reacción da Consellería de Medio Rural que en lugar de anunciar medidas concretas para paliar as consecuencias “culpa ao sector por non estar suficientemente asegurado”. “A propia Xunta sabe das dificultades de moitos produtores e produtoras para asumir o custe dos seguros, ao que se suman as complicacións para que os seguros acaben compensando situacións como a provocada os días pasados como consecuencia das xeadas”.

Neste sentido, a propia deputada explica que as previsións metereolóxicas poden fallar, “como xa sucedeu estes días pasados nos que se estimaban temperaturas de cero grados e finalmente foron de menos seis grados. Nun caso coma este, a compañía de seguros toma como referencia a previsión e non o dato real, o que deixaría sen cobertura aos asegurados”, explicou.

Igualmente, as visitas das aseguradoras para analizar os danos poden tardar semanas, e se nese tempo os produtores e produtoras repuxeron as vides danadas total ou parcialmente, xa eluden facerse cargos das perdas.

“Polo tanto, o BNG insiste en que a Xunta se sente co sector para avaliar que axudas pode conceder e, en segundo lugar, hai que facer unha aposta decidida pola investigación e establecer cal é a mellor saída, o mellor protocolo a aplicar ante situacións como as que se están a vivir estes dúas nas comarcas vitivinícolas de Ourense”.

Por outro lado, o BNG apoia a demanda da veciñanza dos concellos de Cenlle, Puxín e San Amaro, -a través da Comisión intermunicipal bombeo Razamonde- que pide á Valedora do Pobo investigar as presuntas irregularidades na xestión da auga nestes municipios, que tamén implican á Deputación de Ourense. A veciñanza xa lle fixo chegar os datos necesarios a institución.

Neste sentido, Presas indicou que é unha cuestión que “pola súa gravidade, complexidade e implicación de diferentes administracións extralimita o que o BNG  podería requirir desde as institucións, e fai necesario que a Valedora do Pobo ou o propio Consello de Contas avalíen os datos, recompilen toda a información e aclaren se podemos estar diante dun caso de abuso de poder e fraude", concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG