Galegas 2016

Noa Presas: “Hai que sacar ao PP da Xunta antes de que desmantelen todos os servizos sociais”

Firvida. Nuñez. Presas esta maña en Barbadás
Firvida. Nuñez. Presas esta maña en Barbadás
  • O BNG propón a creación dun Servizo Galego de Benestar -o equivalente ao Sergas neste ámbito- que coordine as prestacións e alivie a carga dos concellos.
  • O PP e PSOE renuncian a presentar as súas propostas sobre educación e suspéndese o debate previsto para esta tarde no campus.

“A Xunta do PP leva anos eludindo a súa responsabilidade e descargando sobre os concellos a prestación e o financiamento de servizos básicos, como as escolas infantís, a axuda a domicilio ou a atención a casos de exclusión social”, dixo Noa Presas esta mañá en Barbadás nun acto para presentar as propostas do BNG sobre política social, xunto a Xosé Manoel Fírvida, tenente de alcalde de Barbadás e membro da candidatura do BNG ao Parlamento, e Sarín Núñez, concelleiro de servizos sociais en Barbadás.

“Hai que sacar ao PP da Xunta antes de que desmantelen todos os servizos sociais seguindo a mesma estratexia de abandono do público e promoción das privatizacións que están seguindo na sanidade e na educación”, advertiu Noa Presas, que explicou como “os concellos están soportando toda a carga da prestación de servizos mentres a Xunta non cumpre nin coa parte orzamentaria que lle corresponde”.

Dixo Presas que para reverter esta situación, o BNG leva no seu programa electoral a creación dun Servizo Galego de Benestar -que sería o equivalente ao Sergas no ámbito dos servizos sociais-, e que esixe primeiro “repensar a actual distribución territorial da prestación de servizos, configurando un mapa galego de servizos sociais ata chegar a unha comarcalización que permita unha mellor organización así como aumentar o financiamento aliviar a carga dos concellos”. Presas recordou que ademais “haberá que aumentar os recursos orzamentarios e de persoal dos concellos e para iso hai que renegociar o actual modelo de financiamento co Estado”.

Sarín Núñez, pola súa parte, explicou que os concellos están “asumindo competencia que non lle son propias, porque a Xunta delegaas máis non as financia suficientemente”. Co goberno do BNG, Barbadás duplicou as partidas destinadas a emerxencias sociais.

EDUCACIÓN

As asociacións Auce, Cuco e Ecous, que organizaron o debate sobre programas para o ámbito da educación previsto para esta tarde no campus, anunciaron a suspensión do mesmo ante a negativa do PP e do PSOE de participar.

Xosé Manoel Fírvida, mestre de ensino medio, encargado de presentar as propostas do BNG, lamentou a suspensión do debate. “A política de privatización do PP ten exemplos moi concretos na provincia. Hai un centro público que dispuña de alumnos e espazos, pero a Consellería de Educación decidiu firmar concertos con dous colexios privados dese mesmo concello para implantar neles trece novas unidades cunha transferencia de cartos públicos de 1,5 millóns de euros. Esa é a maneira de retraer cartos do público cara o ensino privado”, explicou Fírvida. O candidato sinalou que a proposta do BNG é aumentar o financiamento do ensino público para que non se produzan discriminacións de ningún tipo, como as que agora están a acontecer coa separación por sexos en escolas privadas ou o progresivo abandono da atención especial.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG