Noa Presas denuncia o incumprimento dos acordos parlamentarios para axudar ás autoescolas

Noa Presas
Noa Presas

A Xunta non puxo en marcha ningunha medida económica nin fiscal tras a folga dos e das examinadoras que afectou a este sector, indicou a deputada do BNG

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, denunciou que a Xunta ignorA o acordo aprobado pola Cámara o pasado mes de setembro polo que solicitaba medidas económicas e fiscais para axudar ás autoescolas polos moi afectadas pola folga mantida no seu momento polo colectivo de examinadores e examinadoras.

“Aínda que a folga de persoal examinador estea suspendida, a crise que desatou continúa provocando peches e despedimentos nas autoescolas”, indicou Presas tras lembrar que algunhas das propostas que recibiron luz verde están suxeitas á aprobación dos Orzamentos do Estado para 2018.

“Hai seis meses trouxemos a esta cámara unha situación de emerxencia diante da que este Parlamento e a Xunta non podían permanecer alleos: A situación límite de moitos traballadores e traballadoras das autoescolas galegas pola folga do persoal examinador dependente do goberno do Estado”, salientou a deputada, mobilizacións que chegaron ao seu fin en decembro de 2017 tras unha serie de acordos vinculados aos vindeiros orzamentos do Estado, hoxe na incerteza.

“As autoescolas cifran as perdas entre un 30 e un 60%, pero durante estes meses o Goberno non desenvolveu os acordos plenarios e non ten a disposición do colectivo axudas específicas que poidan axudar a reducir o impacto de máis de seis meses sen apenas poder examinar ao alumnado. De feito, en provincias como Ourense hai un tapón tal para os exames que é como se a folga seguira, debido á falta de persoal e contar só con 4 persoas examinadoras”, alegou Presas.

Hai que salientar que moitas das autoescolas están en mans de autónomos, empresas de 2 a 4 traballadores, especialmente ás que desenvolven a súa actividade fóra das cidades. Isto ten graves repercusións en moitos autónomos galegos e a Xunta acaba de certificar que non puxo mecanismos específicos para paliar esta situación.

Presas volveu reclamar do Goberno galego o cumprimento dos acordos do Parlamento que reclamaba avaliar, -en diálogo cos sectores afectados-, o impacto da crise derivada dos conflitos coa Dirección Xeral de Tráfico, e a necesidade de impulsar medidas fiscais e económicas para evitar o peche de pequenas e medianas empresas e o despedimento de traballadores e traballadoras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG