Montse Prado: “A sanidade pública está na UCI polos recortes do PP”

Montse Prado
Montse Prado

O BNG reclama un plan de atención primaria, repoñer os 3.000 efectivos que se recortaron e abrir as 800 camas pechadas nos hospitais públicos

“Quen máis ten que denunciar a situación para que rectifiquen ou que todo o mundo está equivocado menos o PP”, interpelou a deputada

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, ten claro que o colapso do servizo de urxencias nos hospitais galegos e as listas de espera na atención primaria non son produto “dun designio divino” senón a consecuencia “do acoso e derribo do PP sobre a sanidade pública” que leva anos soportando recortes.

As imaxes das últimas semanas de corredores ateigados de doentes esperando a ser atendidos ofrecen unha imaxe “de hospital de campaña propio dunha zona en guerra”, en definición de Prado, describindo a situación “desesperada” de usuarios e persoal sanitario que mesmo, como no caso do CHUAC, ten presentado unha denuncia nos xulgados.

“Cando os e as profesionais da sanidade acoden ao xulgado están ao límite non, o seguinte”, sintetizou a deputada, tomando como exemplo a decisión da comisión de centro da EOXI da Coruña, despois de pasar por colapsos de ata 48 horas con doentes amoreados nos corredores. “Esperan nunha situación pésima, atendidos por profesionais ao limite da súa capacidade física e mental, sen a máis mínima privacidade e sen garantías”, denunciou.

E nesta situación, “o conselleiro nin tivo a ben comparecer no pleno para dar conta da situación de colapso, criticou Prado, “non poden seguir facendo como que non pasa nada, deixen a táctica de esperar a que pase a treboada, escoiten o clamor da cidadanía e dos profesionais da sanidade”.

Neste sentido, Prado preguntouse quen máis tiña que denunciar para que o Goberno do PP rectifique, organizacións sindicais, persoal médico, xefes de servizo, doentes, usuarios e usuarias...,  “todos están equivocados menos o PP?”, interpelou. “A sanidade pública está na UCI polos recortes do PP, e diante desta situación a solución de Feijóo é amorear doentes nas habitacións. Canto peor está a sanidade pública, mellor lle vai á sanidade privada, porque son vasos comunicantes”, denunciou.

O Bloque considera que os problema estruturais que ten a día de hoxe a sanidade galega require de medidas estruturais, “non de parches ou de aspirinas, nin vale dicir agora que por uns días os cadros de persoal están ao cen por cen”. Por iso, a formación nacionalista demanda un “cambio de rumbo” que pasa por frear os recortes e recuperar o investimento perdido nos anos de goberno de Feijóo, recuperar os cerca de 3.000 profesionais expulsados, recuperar as 800 camas suprimidas, acabar coa taxa de reposición e un plan urxente de mellora da atención primaria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG