Montse Prado reclama á Xunta que atenda ás demandas do persoal dos PACS en materia sanitaria e laboral

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado,  reclama da Xunta que atenda as demandas dos e das profesionais que prestan servizos nos puntos de atención continuada do SERGAS, (PACs) tanto as que afectan a condicións laborais como de dotación de recursos materiais e humanos para garantir unha correcta atención sanitaria.

Denuncian que as condicións de traballo “empeoraron nos últimos anos tanto en recursos humanos e materiais como as condicións de retribucións, ao tempo que aumentou a presión asistencial, de xeito especial dende a creación das EOXIs”. Os e as profesionais aseguran que a  situación laboral “está sendo insostible e, polo tanto, a repercusión asistencial é evidente”, advirte Prado.

A través de diversas iniciativas parlamentarias, lembra Prado que os acordos asinados co SERGAS en 2008 non se cumpriron, mentres a que a Consellería de Sanidade se nega a convocar a comisión de seguimento do acordo para actualizalo en beneficio dos e das traballadoras destes centros de atención. “É imprescindible que a Xunta dea unha solución e asuma a táboa de reivindicacións dos e das profesionais dos PACs”, indica Prado.

En concreto, reclaman equipos completos de persoal médico e de enfermería en todos os PACs, porque “a atención a emerxencias sen persoal adecuado no é aceptábel nun país desenvolvido”. Igualmente, respectar os tempos de traballo do persoal conforme ás directivas europeas para garantir unha atención eficiente en beneficio das persoas doentes, con independencia do tipo de contrato, “porque o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos”.

As iniciativas do BNG na Cámara tamén recollen a petición de que calquera avaliación de derivación hospitalaria sexa eliminada das listas de obxectivos, xa que as derivacións non son opcionais senón que seguen criterios médicos. Establecer criterios obxectivos para a dotación de persoal nos PACs en base á carga asistencial, dispersión, distribución, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061. E tamén garantir o dereito á asistencia, así como as demandas de melloras nas condicións laborais e salariais deste persoal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG