Montse Prado propón un novo modelo de reparto das cotas de pesca con criterios de emprego

Montse Prado

A portavoz de Pesca, Montse Prado,  insta ao Goberno galego a negociar un novo modelo de reparto das cotas de pesca que teña en conta os criterios de mantemento da actividade e de emprego, mudando a distribución baseada nos dereitos históricos (Lei 2/2011) que prexudican e discriminan a flota galega fronte a outras do Cantábrico ou a flota lusa.

“O actual modelo conduce ao despece de barcos, arruína a flota e fai perder moitos postos de traballo”, sintetizou Prado, quen criticou a falta de interese do PP en dar unha resposta ao sector, optando por primar determinados criterios que van contra os intereses de Galiza.

“Desde a Xunta só se aposta polo criterio dos dereitos históricos, pero é mentira que non podan optar por outros máis beneficiosos para a flota galega como os de sustentabilidade, impacto social e ambiental ou emprego”, alegou a deputada na Comisión de Pesca. “Un arrastreiro vasco pode pescar o dobre dun galego porque teñen un Goberno que defende os seus intereses, a diferenza do que fai o PP co sector en Galiza”, denunciou.

Prado tamén explicou que as condicións da flota portuguesa son mellores que as da galega, obrigando ao sector a comprar cota de pesca a embarcacións lusas ou mesmo  a comprar barcos con bandeira do país veciño.

“A flota galega sofre un agravio comparativo co resto do Estado, ante un goberno que se limita a asumir os criterios que se deciden en Bruxelas e que se conforma coas migallas do reparto actual de cotas de pesca”, salientou a deputada. “A iniciativa do BNG que o PP rexeita só pretendía que a xente do mar poda traballar e levar un salario digno para a súa casa”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG