Parlamento Galego

Montse Prado pide á Xunta que impida a perda de empregos no banco Popular-Pastor

Intervención da deputada do BNG, Montse Prado
Intervención da deputada do BNG, Montse Prado
  • Para a nacionalista, aínda queda tempo para que a Xunta se implique nunha parte do ERE por aplicar

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha Proposición non de lei pola que reclamaba do Goberno galego emprender as accións necesarias para o mantemento de oficinas bancarias e frear a perda de postos de traballo no Banco Popular–Pastor.

A parlamentaria explicou que no momento de ser adquirido o Banco Popular contaba con 4.100 traballadores e 5.088 oficinas  e representaba o 18% do mercado financeiro galego. Agora, dixo, o Banco Popular pretende dar outro golpe de “graza” anunciando o despedimento de 435 empregadas e empregados dun total de 1.756.

A deputada, tras saudar ao colectivo de traballadores/as afectados polo ERE presentes no debate asegurou que o Expediente de Regulación de Emprego  provoca unha grande incidencia en Galiza  a pesar de ser o Banco Pastor a parte máis saneada con sede no noso país, en embargo é a  “máis afectada polo ERE”.

Para a deputada, o ERE debilita ao máximo a estrutura do banco en Galiza co peche de 42  oficinas e peche parcial de 25 no ámbito rural que abrirán dous ou tres días a semana.

O PP amosa a súa solidariedade cos/as afectadas polo ERE pero non se compromete a mediar

Ante a solidariedade amosada pola portavoz popular, Paula Prado, aos traballadores do Banco Popular-Pastor, a  deputada nacionalista pediu  “algo de pudor” ao Partido popular e criticou o seu “desleixo” ante o conflito. Montse Prado lembrou que o sindicato nacionalista CIG non apoiou o ERE e o acordo que obrigaba aos traballadores a adhesións voluntarias  co 65% ou  75%  do salario ou ben a desprazarse a traballar a Madrid polo que volveu pedir do Goberno galego a súa “implicación porque aínda queda unha parte do ERE por aplicar”.

A parlamentaria do BNG  asegurou que o Partido popular non recibiu aos traballadores, a pesar das manifestacións nas inmediacións do propio Parlamento galego, e agora, recalcou, “o Partido popular, dende o sillón mostra a súa solidariedade”. O PP, afirmou,  alíase coa banca impulsando reformas laborais que permiten que unha entidade como o Pastor- Popular con beneficios leve adiante un expediente de regulación de emprego.

A deputada rematou a súa intervención pedindo ao Parlamento galego instar á Xunta a apoiar aos traballadores e traballadoras e garantir o sistema financeiro en Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG