Montse Prado pide derrogar o decreto dos repagamentos e da exclusión sanitaria de migrantes e refuxiad@s

Montse Prado
Montse Prado

Vai cinco anos que o Goberno central aprobou o RD 16/2012 polo que excluía da prestación sanitaria a persoas emigrantes ou en situación irregular, peticionarias de asilo, e outros colectivos vulnerables, así como os repagamentos dos medicamentos a doentes crónicos, ademais doutros recortes nunha prestación básica. O BNG aproveitou o aniversario para pedir a derrogación desta normativa no Parlamento galego.

 “Implicou a redución da carteira básica de servizos de saúde e diminuíu  a subvención de medicamentos  co correspondente incremento do gasto sanitario para as familias e o trasladando do gasto ao peto das persoas doentes”, denunciou a portavoz de Sanidade, Montse Prado, “o que provocou que moitas persoas deixasen de tomar medicamentos necesarios porque non poder pagalos”.

Prado fixo referencia a ampla contestación social contra este RD, mesmo con Comunidades autónomas que non o aplicaron porque, ademais, invadía competencias exclusivas sen que o Goberno galego “movese un dedo” pese a que implicaban vulnerar dereitos básicos.

Supostamente contra ese real decreto a Xunta puxo en marcha o Programa galego da protección de saúde, pero segundo estudo de diferentes colectivos en defensa da sanidade pública non solucionou os problemas creados pola normativa estatal que o Goberno de Feijóo asumiu acriticamente.

Por contra, “Galiza é a que máis tempo precisa para acceder ao sistema sanitario, seis meses”, indicou Prado.

Ante as escusas do PP na Comisión de Sanidade, a deputada do Bloque preguntoulle aos deputados e deputadas populares “se falarían tan alegremente se fosen algún de vostedes unha persoa refuxiada peticionaria da sanidade pública”. O BNG defende un sistema sanitario público, gratuíto, universal e de calidade que non exclúa  ningún colectivo, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG