Montse Prado lamenta o desleixo da Xunta para esixir de Madrid un novo modelo de xestión da pesca da xarda

MONTSEPRADO COMISIONSANIDADE 2
  • A portavoz de pesca do BNG trasladou ao Parlamento a indignación dos mariñeiros galegos que por falta de cota son obrigados a tirar a xarda morta ao mar mentres outras embarcacións pescan en véndena nas lonxas galegas

A deputada do BNG, Montse Prado afirmou hoxe na comisión de pesca que os mariñeiros séntense “burlados, discriminados e ninguneados”  ao verse obrigados a tirar o peixe ao mar mentres a súa beira outras embarcacións pescan libremente.

No transcurso dunha pregunta ao goberno sobre a xestión da pesqueira da xarda para artes menores e os peches establecidos e a demanda dun novo sistema  de xestión, a nacionalista afirmou que na actualidade os pescadores de artes tradicionais galegos constatan como mentres eles tiran a xarda morta ao mar por mor dun reparto que discrimina a Galiza,  outros barcos pescan e venden o peixe nas lonxas galegas. “ Os pescadores galegos soben a xarda pero teñen que volvela a tirar ao mar e non poden pescar outras especies o que produce unha gran merma nos seus ingresos”, indicou a deputada do BNG.

 Prado censurou que a Consellería do Mar responsabilice ao sector  cando  é   a Xunta, o  Goberno central e a  Unión Europea os que impoñen  condicións e regulamentos que aboca ao sector a unha situación insostible. A parlamentaria lamentou que a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda non amosara na resposta á pregunta do BNG  ningunha disposición a exixir do Goberno español “cambiar este sistema de reparto nin  tomar medidas que defendan ao sector”.

Por outra parte, na mesma comisión de pesca, a nacionalista tamén formulou outra pregunta relativa á extracción da ameixa reló. Na súa intervención explicou que esta é unha especie secundaria pero que ata o ano 2005 supuxo unha captura sobre un 1.400.000 quilos e recursos económicos próximos aos dous millóns e medio  de euros. No ano 2006 foi detectado chumbo na especie e prohibida  a súa extracción por posible risco para a saúde pero a día de hoxe, dixo Prado, seguimos sen resolver a situación e foi o sector o que  iniciou  accións para que a Xunta comezara a preocuparse.

Na actualidade existe un estudo da Consellería de Pesca e  Universidade de Vigo que confirma que a inxesta desta ameixa “non é tóxica” no camarón pero queda por confirmar que tampouco o sexa en humanos, conclusións do informe que segundo afirmou a Directora do INTECMAR se darán a coñecer no mes de xuño. Neste sentido, a parlamentaria do BNG reclamou acelerar todos os trámites para que as confrarías e o sector podan volver a extraer a ameixa reló con todas as garantías.

Nas zonas onde desapareceu o berberecho ou existían poucas capturas de ameixa, esta especie, a pesar de ser secundaria, supuña para moitos mariñeiros entre catro mil e cinco mil euros anuais. Estamos, recalcou Prado, ante un problema importante  e a Consellería, despois de dez anos, debe acelerar o proceso para coñecer as conclusións do informe e normalizar a extracción da ameixa reló con todas as garantías para o seu consumo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG