Montse Prado esixe ao SERGAS agullas de calidade para as persoas dependentes da insulina

Montse Prado na Comisión de Pesca
  • Denuncia problemas físicos e psicolóxicos derivados do material de mala calidade que subministra a doentes que teñen que pincharse cada día

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, levou ao Parlamento a reclamación da Federación galega de persoas diabéticas e de colectivos de defensa da sanidade como SOS Sanidade Pública en relación aos graves efectos secundarios que provoca a utilización das agullas para a administración de insulina da marca Insupen que facilita o SERGAS ás persoas doentes.

“Denuncian que centos de persoas diabéticas sofren os defectos deste material que lle provoca hematomas na zona de inxección, dor, perda da insulina inxectada por mal encaixe na pluma de insulina, o que supón un incorrecto cálculo da cantidade administrada, co risco de hiper ou hipoglucemias”, explicou a deputada na Comisión de Sanidade.

A este tipo de problemas físicos súmanse os psicolóxicos, “en particular para os nenos e nenas de teñen que pincharse ata tres e catro veces diarias cunhas agullas que mesmo teñen chegado a romperse”, co normal estres e tensión que iso provoca no doente en particular cando son tan novos.

O BNG reclamou do SERGAS que non prime os criterios económicos sobre a calidade da asistencia sanitaria xa que, como teñen denunciado as persoas afectadas, “no procedemento de contratación o valor determinante é a oferta económica, que sempre corresponde á empresa Produtos Sanitarios Gallegos que comercializa as agullas Insuren”.

O Bloque súmase ás demandas do colectivo das persoas insulina dependentes. “E totalmente inxustificada a demora do SERGAS en substituír estas agullas de baixa calidade por outras que non produzan efectos negativos sobre as persoas doentes que teñen que usalas”, demandou Prado, ante a negativa dun PP que se limitou a minimizar o problema no debate da iniciativa nacionalista na Comisión de Sanidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG