Montse Prado: “O Decreto de gardacostas aprobado polo PP abre a porta ao enchufismo e a precarización”

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, denunciou na Cámara que o Decreto de Ordenación e Funcionamento do Servizo de Gardacostas aprobado polo Consello da Xunta  o pasado día 28 de xullo abre a porta á precarización e ao enchufismo en detrimento do criterio de profesionalidade.

“Entendemos que este decreto pretende blindar os postos de libre designación,  non supón ningunha mellora para o servizo nin para corrixir a precariedade laboral, nin ten en conta a singularidade deste traballo”, indicou Prado recollendo as denuncias dos propios traballadores. Por contra, “aumenta o modelo de xerarquización a dedo, precariza as competencias dos axentes, pretendendo que actúen baixo mando e non como axentes da autoridade con independencia e criterio propio en aplicación da lexislación pesqueira, e non baixo criterio político”.

Segundo explicou a deputada, o persoal do servizo de Gardacostas xa ten expresado o seu malestar e rexeitado un decreto “cheo de contradicións e irregularidades, que pretende unicamente a blindaxe dos cargos de libre designación para impor  un modelo xerárquico, non por capacidade e mérito senón baseado en criterios de afinidade política”, alegou a parlamentaria.

Ademais, a portavoz de Pesca recriminoulle á Xunta que non tivese en conta as peticións do persoal expostas na mesa de negociación, ignorando as peculiaridades do traballo  de gardacostas, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG