Montse Prado acusa á Xunta de converter o CHUAC na "punta de lanza" da privatización hospitalaria

Montse Prado
Montse Prado

Prado critica a licitación de servizos sanitarios por 97 M€ e denuncia que a sanidade pública está gobernada “polos seus propios depredadores”

Reprocha ao Goberno a tardía e deficiente reclasificación das prazas de enfermeir@s especialistas

O BNG acusou ao Goberno galego de dar un paso definitivo no desmantelamento do sistema público de saúde, abrindo a veda da privatización pura e dura de servizos sanitarios no Centro Hospitalario da Coruña (CHUAC) a través dunha licitación de 97,5 M€ para contratar nunha poxa ao mellor postor privado servizos como hemodiálise en doentes con insuficiencia renal, probas diagnósticas e terapéuticas e mesmo procesos de operacións cirúrxicas.

“Este contrato marco é unha privatización que se fai mentres teñen infrautilizados recursos do SERGAS, como pode ser quirófanos que non se abren pola tarde pese á solicitude aprobada no Parlamento, e prefiren facer unha derivación aos hospitais privados sen xustificación algunha, derivacións ao peso no que se computan o número de camas que poda ofrecer o centro privado, o número de operacións que poda realizar con médicos propios ou mesmo derivados do SERGAS sen que se saibamos en que condicións nin baixo que garantías ou controis legais”, criticou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado.

“Onde queda a calidade, porque esta maneira de actuar pon pos pelos de punta”, salientou, nunha intervención moi crítica con esta licitación “en lote” de servizos sanitarios.

“Dígolle desde aquí que o sistema sanitario público galego está gobernado polos propios depredadores do sistema, como o PP e vostede señor Almuiña”, denunciou en referencia ao titular de Sanidade, “e este tipo de acordos marco son a proba do nove de que fan as modificacións normativas necesarias para parasitar a sanidade pública e dar negocio á privada”, estratexia que plasma perfectamente a foto do presidente da Xunta clandestinamente reunido coa patronal da sanidade privada, alegou.

Esta licitación por importe de case cen millóns de euros para privatizar servizos hospitalarios do CHUAC vai máis aló dos concertos. “O PP optou por quitarse definitivamente a careta”, denunciou, porque nin administrativamente, nin politicamente son os mesmo un concerto que unha licitación.

Na comparecencia do conselleiro de Sanidade tamén se abordou o proceso de implantación da categoría de enfermeir@s especialistas, que Prado cualificou de “lento e insuficiente” tendo en conta que a categoría foi aprobada en 2007 e desenvolvida no decreto 81/2016 para o seu recoñecemento pleno dentro do SERGAS.

Prado atribuíu o mérito de ter chegado ata aquí á “reivindicación” constante dos e das traballadores e dos seus representantes sindicais, pero aínda así o proceso está incompleto posto que faltan por reclasificar as prazas de enfermeir@ especialista en pediatría, ao que se suma o baixo número de prazas de matronas e mesmo de profesionais especialistas en xeriatría nun país no que a poboación ten un nivel de envellecemento entre os máis altos do mundo. “Queda moito por facer e ter chegado a ata aquí foi grazas ao empeño e reivindicación dos profesionais”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG