Mini pide á Xunta as máximas garantías no proceso de destrución da pataca afectada pola couza

mini
  • O BNG lamenta que a Consellería de Medio Rural non contemple axudas para as familias que producen pataca para autoconsumo

O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou á Consellería de Medio Rural as máximas garantías no proceso de destrución da pataca afectada polo couza guatemalteca tanto durante o transporte como durante o tratamento previsto na planta de Sogama.

O Bloque chama especialmente a atención sobre a necesidade de evitar “ningún tipo de contaxio” durante o traxecto do produto contaminado desde os lugares de plantación camiño das instalación de Cerceda atravesando concellos que non estean afectados. “É clave evitar ningún tipo de contaxio, para evitar ningunha propagación máis aló das zonas que xa están afectadas”, indicou Rivas.

O deputado lembra que hai máis de trinta concellos afectados, aos que se suma unha franxa de protección de cinco quilómetros cos municipios limítrofes. Igualmente, reclamou á Consellería de Medio Rural a máxima cautela e vixilancia tamén no proceso de destrución do produto contaminado en Sogama.

Rivas tamén levou á Comisión parlamentaria de Agricultura a cuestión das subvencións e das axudas habilitadas para compensar aos produtores afectados. Neste sentido, lamentou que o Goberno no contemple axudas para as familias que producían patacas para autoconsumo, “porque para a maioría delas supón un prexuízo considerable para as súas economías domésticas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG