Luís Bará reclama unha solución aos puntos negros e falta de seguranza no Camiño Portugués

DSC_0155
Luís Bará
  • O deputado indicou que no ano 2016 rexistráronse no Camiño Portugués, 52.000 peregrinos polo que se fai urxente actuar para mellorar  as deficiencias en infraestruturas, servizos, sinalización e seguridade viaria

O parlamentario do BNG, Luís Bará, a través dunha pregunta parlamentaria ao Goberno, denunciou as deficiencias  de accesibilidade e seguranza viaria  no Camiño de Santiago e concretamente no tramo portugués.

O parlamentario lembrou que o camiño portugués no  ano 2016 rexistrou  máis de 52.000 peregrin@s situando esta ruta como a das máis utilizada despois do Camiño Francés, sen embargo, ao longo do seu percorrido, as infraestruturas, servizos e sinalización así como as condicións de seguridade viaria e accesibilidade presentan deficiencias, tanto no  trazado como no estado do camiño “con 11 puntos negros e falta de beiravías, pasos e rotondas nas estradas nacionais”.

Pola súa parte, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, respondeu ao nacionalista que xa existe unha comisión de  seguridade coa presenza do Goberno do Estado, a subdelegación do goberno  e a Xunta.

O deputado  suliñou que nesa comisión tamén debería estar presente o Ministerio de Fomento porque “moitas das problemáticas da provincia de Pontevedra teñen a ver coas estradas”.  Tralos anuncios da titular de Turismo sobre o entorno dos accesos de Santiago, o parlamentario nacionalista censurou que omitira iniciativas para a provincia de Pontevedra que  rexistra a maior parte das demandas nesta materia. Ademais, dixo, tampouco aportou ningunha medida contra os once puntos negros denunciados dende xa hai anos pola Fundación, Camiño de Santiago e outros colectivos locais, a pesar de figurar na axenda da mesa de traballo creada no ano 2014. Bará lembrou que o propio Rafael Louzán e Nava Castro anunciaron a eliminación deses puntos negros polo que afirmou, “estamos na mesma situación que no ano 2014”.

Bará indicou que un dos puntos máis conflitivos segue sendo o paso pola vía férrea en Mos, cuxa perigosidade foi evidenciada, explicou, no accidente de tren en Porriño así como no concello de Barro onde existe tamén  un paso nivel pola vía férrea co conseguinte risco.

Finalmente, o parlamentario apelou á protección da vida e seguranza das persoas e manifestou a súa preocupación ante a falta de compromiso do goberno para impulsar medidas nesta liña. “Os orzamentos do Estado para mellorar esta ruta tampouco contemplan  investimentos nos próximos anos e todo fai pensar que as prioridades serán para o camiño inglés”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG