Luís Bará pide a retirada do plan de transporte para dar paso a unha negociación con todo o sector

Luís Bará
Luís Bará

Reclama a dimisión da conselleira por unha xestión chapuceira e prepotente e advirte contra a inclusión de escolares no transporte regular

O deputado Luís Bará demandou a retirada do plan de transporte da Xunta para dar paso a unha auténtica mesa de negociación e diálogo que deixe atrás a prepotencia e o escurantismo do departamento de Ethel Vázquez quen, reclamou, debe dimitir ou ser cesada.

“A comparecencia chega tarde porque xa está todo cociñando e amañado pese a que non contaron con ninguén”, criticou o deputado, “tivo oportunidades de vir falar deste tema antes pero non quixo, nun exemplo máis de prepotencia e escurantismo, de ordeno e mando, e agora comparece soa ante o perigo porque non hai ninguén na bancada do Goberno para apoiala”.

Bará sintetizou as propostas do BNG para buscar unha solución á “chapuza” xerada pola Xunta: “Suspensión da tramitación do plan, prórroga das concesións para dar tempo a que funcione unha mesa de diálogo e negociación real, con tempo e sen presas para facer unha auténtica proposta de mobilidade e de transporte do século XXI”.

O deputado por Pontevedra reprochoulle a Vázquez é a Feijóo “a mala xestión de oito anos de goberno” neste asunto, ocultando o problema e actuando con prepotencia, “aínda que tenten botarlle a culpa ao empedrado”, e preguntouse  polos intereses ocultos detrás da proposta do Executivo galego.

“Hai intereses escuros e provocarán a concentración do negocio do transporte en grandes monopolios en mans de multinacionais, o que terá como consecuencia perda de emprego, precariedade e peche de empresas, ao que se suma a previsible  xudicialización do conflito e indemnizacións millonarias. Por iso debe vostede dimitir ou ser cesada”, argumentou Bará.

Unha cuestión que o Bloque considera moi grave é a decisión da Xunta de utilizar o transporte regular para transportar alumnado, a través da reserva de prazas para escolares en servizos regulares como solución xeral e non para casos concretos. “Penso que non valoraron os problemas que se van dar con esta mestura en particular no medio urbano, ademais das dúbidas legais”, alertou.

O BNG tamén foi moi crítico coa adxudicación de contratos a determinadas consultoras que xa viñan prestando servizos á Consellería de Ethel Vázquez, e que entregaron os seus informes en apenas catro meses cando o prazo de redacción no contrato era moi superior. “Fixeron unha chapuza chea de erros cun custe de 800.000 euros”, salientou, tras volver a pedir a retirada do plan “e sacar adiante un acorde de país, porque se trata dun servizo básico para a sociedade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG