Luís Bará pide un "plan integral"para Chapela ante o impacto da ampliación da AP-9

Comisión Luís Bará
Comisión Luís Bará
  • O deputado do BNG, Luís Bará pide  á Xunta que demande  do Goberno do Estado  suprimir  a peaxe da AP-9 no treito Redondela-Vigo e transformar a estrada N-552 nunha  rúa urbanizada na que prime a seguranza viaria,  a accesibilidade e a mobilidade peonil

O deputado do BNG, Luís Bará rexistra diversas iniciativas parlamentaria sobre o impacto das obras de ampliación da AP-9 e da Ponte de Rande sobre a parroquia de Chapela, no concello de Redondela.

O parlamentario salienta que a proximidade das obras está a afectar gravemente ao desenvolvemento dos centros escolares e a súa normal actividade lectiva así como vivendas e outras infraestruturas na parroquia e contorna por mor dos ruídos, que superan os niveles máximos permitidos na lexislación.

A través da proposición non de lei, o nacionalista insta ao goberno galego a impulsar “un plan integral” que mellore a calidade de vida e minimice o impacto producido polas obras de ampliación da AP-9.

Asemade, o BNG pedirá á Xunta demandar do Goberno do Estado a supresión da peaxe da AP-9, no treito Redondela-Vigo e transformar a estrada N-552 nunha “rúa urbanizada na que prime a seguranza viaria,  a accesibilidade e mobilidade peonil”:

Luís Bará tamén reclama a permanencia do servizo de Correos, na súa actual ubicación, ata novo traslado, esixir á concesionaria a instalación, este ano, de sistemas de protección antiruído na zona de Chapela e Teis e pavimentos que reduzan o impacto acústico.

Finalmente, o parlamentario do BNG tamén reclama “axilizar os tramites de recualificación dos terreos para o novo centro escolar e a Igrexa e que a súa construción sexa iniciada este ano ao igual que a construción da escola infantil nos terreos do lugar de Cidadelle onde está prevista a construción do novo colexio da Igrexa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG