Luís Bará denuncia que a Xunta xa decidiu concederlle a prórroga a ELNOSA na Ría aplicando o guión de ENCE

Luís Bará
Luís Bará

Cualifica de “pernada medio ambiental” e “traizón a Pontevedra” a permanencia da cloreira na actual ubicación máis alá de 2018

O deputado por Pontevedra Luís Bará acusou ao Goberno da Xunta de ter adoptada xa a decisión política, “que non técnica”, de prorrogar á localización de ELNOSA na Ría máis alá de 2018, “seguindo o mesmo guión que con ENCE: autorización medioambiental, posterior aprobación dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para saltarse ao Concello e rematar coa prórroga de 60 anos”.

“É unha decisión que xa está adoptada de antemán e agora limítanse a forzar a lei con nocturnidade e aleivosía, unha auténtica gamberrada política, un atentado contra o medio ambiente e unha traizón contra Pontevedra do PP, que leva anos dicindo unha cousa e facendo a contraria”, salientou Bará, lembrando un acordo coa dirección de ELNOSA na que se establecía 2016 como data límite para a saída da cloreira da Ría, que agora incumpren.

“Asinan vostedes os convenios en papel tisú e xa sabemos para que se usa este papel”, ironizo Bará, tras denunciar que a Xunta “está facéndolle o traballo sucio a ELNOSA, como antes fixo con ENCE, practicando o dereito de pernada ambiental, retorcendo a lei, con portas xiratorias incluídas, usando métodos franquistas para regalarlle 12.000 metros cúbicos de solo público a unha empresa privada contaminante”.

O deputado nacionalista avanzou que “nin o BNG, nin o goberno municipal van permitir este atentado e esta traizón contra Pontevedra”, e lamentou a actitude paternalista do conselleiro de Industria.

Bará pediu a Xunta explicacións polo feito de que se obvie o convenio asinado entra o Goberno e o grupo CUF propietario de ELNOSA, no que este se comprometía en 2013 a propoñer dúas ubicacións alternativas, unha delas na área de Pontevedra. “Por qué o que valía antes agora non vale? Porque serven aos intereses privados en contra do interese público?”, argumentou.

Para o Bloque é unha “aberración” manter esta actividade contaminante nunha zona próxima a un gran núcleo de poboación. “Hai razóns máis que suficientes para promover ese traslado e recuperar eses terreos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG