- O nacionalista afirmou que o PP mantén unha “campaña mafiosa” contra deputados do BNG polo seu traballo político para erradicar “prácticas clientelares e privilexios” dos gobernos do Partido popular
O deputado do BNG, Luís Bará denunciou hoxe, trala comparecencia da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que o PP mantén unha “campaña mafiosa” contra deputados do BNG nesta institución polo seu traballo político para erradicar “practicas clientelares e privilexios” dos anteriores gobernos do Partido popular.
O parlamentario acusou ao O PP de facer unha “oposición frontal e montaraz” porque no asume que despois de moitos anos de gobernar a dereita nesta institución, agora está na oposición. Para o deputado do BNG, “o Partido popular ten unha concepción un tanto patrimonial das institucións” e esa oposición está dirixida por unha persoa que ten a responsabilidade de ser o vicepresidente da Xunta de Galiza.
O BNG reivindica un novo mapa administrativo acorde coa realidade galega
O deputado nacionalista lembrou que o BNG considera que as deputacións institucións decimonónicas baseadas nunha división artificial, as provincias e apelou a unha nova organización administrativa para modificar as competencias dos concellos e o seu financiamento. Por outra parte, dixo, están xurdindo novas realidades como as áreas metropolitanas que fan inviable unha estrutura administrativa con cinco niveis, que van dende o Estado ata os concellos. O deputado do BNG manifestou que o novo mapa administrativo en Galiza debe contemplar as comarcas pero mentres segan existindo as deputacións seguiremos comprometido con tres principios básicos para que estas institucións funcionen: “a democratización, modernización e a eficacia no cumprimento das súas funcións”.
Na súa intervención, Bará lembrou que o BNG chegou hai ano e medio a un acordo co Partido socialista que cualificou de “beneficioso e positivo” para a gran maioría dos concellos de Pontevedra e destacou o que, ao seu entender, resulta de gran importancia no plano simbólico, “a restitución da dignidade das persoas comprometidas na defensa de valores democráticos e de xustiza social que foron perseguidas ou asasinadas”, entre elas,dixo, varios presidentes da Deputación de Pontevedra encarcerados ou exiliados. O día 12 de Novembro celebramos un acto de lembranza de todas estas persoas tras un acordo das forzas nun pleno na Deputación para realizar a homenaxe.
A respecto do orzamento da Deputación presentado pola presidenta, Carmela Silva, o deputado do BNG coincidiu na liña de colaboración con concellos pequenos primando os de menos de 20.000 habitantes e sobre todo aos concellos rurais así como no Plan Concellos con criterios de “transparencia, reparto e obxectividade” e as liñas que apostan pola dinamización económica e creación de emprego mediante obra pública.
Finalmente, Luís Bará congratulouse da aposta da Deputación polo medio ambiente creando novos espazos urbanos e destacou o Plan Compost que busca a “corresponsabilidade das persoas” construíndo unha alternativa ao modelo “centralizado e caro” que representa SOGAMA.