Galiza Nova celebrará a súa XIV Asemblea Nacional co obxectivo de fortalecer o nacionalismo entre a mocidade

A XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova leva por lema “A mocidade construíndo Galiza” e realizarase o 26 de novembro, culminando o debate previo da militancia nas comarcas e localidades para a actualización do discurso e a estratexia xuvenil nacionalista.

“A mocidade construíndo Galiza” é o lema da XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, que se celebrará o vindeiro 26 de novembro en Santiago de Compostela. Esta xornada de debate está encamiñada para que a militancia analice o traballo realizado pola organización nos últimos dous anos, avaliando os acertos e as eivas, e debata sobre a estratexia xuvenil nacionalista. “Entre todas e todos decidimos. Unha militante, un voto. Así funcionamos no BNG e en Galiza Nova, onde toda a militancia ten a palabra e o voto para decidir sobre o futuro da organización e as persoas que formarán parte da Dirección Nacional” afirmou o Secretario Xeral, Alberte Mera.

Os textos a debate que se presentaron esta mañá en Santiago de Compostela por parte da Comisión Permanente, inciden na axilidade organizativa, reducindo as estruturas intermedias e reforzando por completo o asemblearismo da formación. Esbozan as liñas de traballo en todos os campos nos que teñen presenza: polo ensino público galego, polo feminismo e as liberdades sexuais, o emprego digno e con dereitos... Así mesmo, marcaranse os obxectivos políticos para os vindeiros dous anos, entre os que salientan a posta en marcha de novas campañas para multiplicar os apoios ao nacionalismo entre a mocidade, achegar máis xuventude a Galiza Nova e ao BNG, elaboración do “Plan Retorna” e un “Plan de emprego xuvenil” real e preciso, así coma darlles difusión e recoller apoios por todo o territorio galego.

A xornada contará cun debate aberto no que toda a militancia e simpatizantes poderán participar na análise do informe político e de traballo realizado, e no debate da tese política e de organización pola vía das emendas que a militancia está a presentar nos debates comarcais, e finalmente escollerase a nova Dirección Nacional, Comisión Permanente e Secretaría Xeral. O actual Secretario Xeral, Alberte Mera, que foi escollido en 2012 e en 2014, anunciou que “é o momento dunha nova xeración de mozas e mozos para impulsar o nacionalismo xuvenil, e que contarán con todo o apoio daquelas e aqueles que por idade nos toca continuar o noso activismo noutros sectores diferentes ao xuvenil”. Así mesmo, tamén engadiu que se sente “inmensamente orgulloso da militancia de Galiza Nova, de todas as mozas e mozos desta organización que con entusiasmo e rebeldía relanzaron o nacionalismo xuvenil, un movemento que hoxe se amosa máis vivo, máis activo e grandemente fortalecido”. De feito, Galiza Nova valora moi positivo o proceso preasemblear de debate que nos últimos meses contu por todo o territorio galego con múltiples asembleas abertas de Galiza Nova que suman unha participación superior ás 800 persoas mozas, contribuíndo deste xeito a unha expansión do nacionalismo entre a mocidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG