Comunicado da Executiva Nacional do BNG diante da proposta de investidura do President Puigdemont

Para o Bloque Nacionalista Galego (BNG) o que está a acontecer estes días a respecto da elección de Presidente en Catalunya é unha mostra máis da inexistencia real de separación de poderes no Estado español e de como o PP quere conseguir polas bravas o que non foi capaz de conseguir nas urnas.

Tras un ditame negativo do Consello de Estado, o Tribunal Constitucional -nun auto onde só debería abordar se admite a trámite ou non un recurso do goberno- extralimítase e sáltase a propia legalidade vixente. Faino cando actúa “preventivamente” sobre futuríbeis que non aconteceron e viola a autonomía do Parlament de Catalunya ao ditaminar sobre aspectos que son de competencia exclusiva da Mesa dese Parlamento. A nulidade condicionada que contempla ese auto é unha aberración en termos xurídicos e unha vergoña termos democráticos.

Este é o enésimo despropósito dun Tribunal Constitucional carente xa de calquera credibilidade e seriedade. Xa non é que non faga a función de “árbitro” ante diferentes interpretacións do texto constitucional; é que é un dos “xogadores” máis activos deste proceso e fai trampas as súas propias normas. Trátase dun tribunal absolutamente devaluado en termos xurídicos que funciona exclusivamente como correa de transmisión do goberno español. Algo grave pasa nunha democracia cando 10 maxistrados escollidos a dedo por partidos políticos teñen máis poder que un Parlamento escollido polos cidadáns nunhas eleccións.

Desde o BNG cremos que calquera deputado ou deputada electa nas pasadas eleccións de Catalunya ten que ser subsceptíbel de poder ser votado e elixido como President se ten os apoios necesarios. O sr. Puigdemont –igual que o resto de deputados retidos- non é unha excepción, e o goberno de Raxoi quere privalo dun dereito fundamental amparado pola legalidade vixente.

Nunha democracia, as presidentes e os presidentes, elíxeos o pobo, libre e voluntariamente a través do seu voto directo ou a través das e dos deputados escollidos nas urnas. O que non pode acontecer nunha democracia é que sexa un Tribunal quen acabe determinando quen e como pode ser presidente dun país.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG