Cargos municipais do BNG piden a paralización do novo Plan de Transporte da Xunta

Cargos municipais do BNG
Cargos municipais do BNG

Alcaldes e representantes de cogobernos municipais do BNG denuncian o “impacto negativo” no redeseño do transporte escolar, liñas e horarios e un proceso sen “diálogo e transparencia” cos concellos e a Comunidade educativa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe na reunión de alcaldes e representantes dos cogobernos municipais do BNG  para abordar os problemas derivados do  novo plan de transporte público implantado recentemente pola Xunta a través dun proceso sen  “rigor e transparencia” polo que pediu a súa paralización e traballar “nun novo modelo” que satisfaga as necesidades da poboación.

Para a portavoz do BNG, o novo plan de transporte da Xunta naceu de maneira “trapalleira e sen dialogo” e cun único obxectivo, “un recorte encuberto” e o deterioro do servizo como constata o aluvión de denuncias presentadas neste primeiro mes.

Pontón criticou que tanto os concellos como a Comunidade educativa non foran informados pola Xunta do novo plan de transporte e que agora comprobamos, afirmou,  a través dun proceso caracterizado por irregularidades como: “ cambio nas concesións, incumprimento dos pregos nas ofertas presentadas, a non realización de servizos, ou  tarifas abusivas”.

Como grupo parlamentario, explicou, xa solicitamos toda a información relativa aos pregos e expedientes ás concesións pero a día de hoxe a Xunta non enviou ao Parlamento ningunha documentación, “non sabemos que ten que ocular Núñez Feijóo” e dende  o BNG seguiremos reclamando esta documentación.  

TRANSPORTE ESCOLAR

Ana Pontón lembrou que o novo plan suprime 600 liñas de transporte escolar que funcionaban con regularidade e eficacia pero a Xunta agora  ofrece como alternativa a este servizo utilizar o transporte regular. Para o BNG, esta medida “é un paso atrás e un recorte no transporte público”, medida recalcou “non imos a aceptar”.

Pontón citou a instrución da Xunta para que condutores, condutoras e acompañantes poidan vetar a entrada nos buses de persoas adultas ou que   Garda Civil deba  realizar continuas inspeccións  nos autobuses, “a propia Xunta é a que está creando unha alarma entre os usuarios e usuarias do transporte público”.

O BNG, anunciou Pontón traballará coas AMPAS para que a Xunta “dea marcha atrás na supresión de liñas de transporte escolar” porque, ao seu xuízo,  non pode haber nenas e nenas de “segunda categoría” e defenderemos, tanto nos concellos como no Parlamento crear unha Mesa de diálogo polo transporte público coa presenza da Xunta, sindicatos, empresas, concellos, comunidade educativa para deseñar unha política de transporte moderno en Galiza”.

A portavoz do BNG apuntou que é preciso unha política de transporte que contemple  o transporte de ría e por ferrocarril e combinalos coas liñas de transporte regular, “ese é futuro do transporte”.

OS CONCELLOS PIDEN UNHA MESA CON AXENTES IMPLICADOS  PARA DISEÑAR UN NOVO PLAN

Pola súa parte, o alcalde das  Neves, Xosé Manuel Rodríguez, en nome dos representantes municipais do BNG acusou á Xunta de poñer en marcha un novo modelo de transporte a través dun proceso que non contou coa necesaria comunicación e participación  dos concellos.  Os municipios, explicou o rexidor das Neves,  non tivemos oportunidade de trasladar as necesidades e demandas  dos usuarios e usuarias, “non se deu conta adecuada dese servizo” o que creou problemas sobre todo na poboación que habita o rural, afirmou.

Ademais, engadiu existe un gran número de  parroquias afectadas por non poder transportar internamente á poboación dentro do concello, constatamos a  “exclusión por idade” sobre todo no  transporte escolar e maiores de 65 anos, non foron creadas  “lanzadeiras” para o transporte comarcal que  comunique o rural e as  cabeceiras de comarca  para posibilitar as comunicacións  coas vilas e cidades, carecemos de regularización horaria que permita  saídas e regresos do rural a zonas urbanas e tamén carecemos de “garantías de mantemento dos servizos preexistentes”.

Xosé Manuel Rodríguez incidiu na necesidade de crear unha mesa coa participación de todos os concellos para un novo deseño do transporte destinado a acadar, dende hoxe  ao ano 2019  unha resposta integral en todo o territorio galego e nos permita, no inmediato, contar con todos os servizos necesarios para cubrir as necesidade da nosa poboación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG