O BNG volverá solicitar a creación dunha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois

  • Ana Pontón ve “vergoñento” que o PP impida investigar no país onde se produciu o accidente e pide a Feijóo que levante o veto, máxime despois da decisión de Castela-León

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai solicitar por quinta vez a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois porque, aínda que valora como positiva a decisión das cortes de Castela-León, considera “vergoñento” que non se poda levar a cabo unha investigación precisamente por parte do Parlamento do país no que se produciu o accidente.

“Alegrámonos que haxa un Parlamento que pida a creación dunha comisión, pero desde o BNG parécenos vergoñento que no país onde se produciu o accidente, onde todos e todas nos solidarizamos coas vítimas, á hora da verdade se lle pechen as portas as súas reclamacións”, denunciou Pontón, quen reclamou ao PP e ao PSOE que muden a súa posición que, sistematicamente, teñen impedido levar á Camara este asunto.

“Que teñan a honestidade para recoñecer que non houbo unha investigación independente e, en segundo lugar,  recoñezan que é impresentable que non haxa unha investigación parlamentaria que dirima as responsabilidades políticas sobre o accidente ferroviario máis grave en Galiza”, instou Pontón, quen fixo esta valoración precisamente desde a estación ferroviaria de Urzaiz en Vigo, onde compareceu para denunciar a falta de compromiso do Estado para modernizar a conexión por tren con Portugal.

A dirixente do Bloque interpelou expresamente ao presidente da Xunta para que levante o veto do PP no Parlamento.

“Chamo a Feijóo a reflexionar e que, senón quere apoiar a investigación, polo menos que non sexa un obstáculo e se absteña ante a nosa nova solicitude, porque queremos unha investigación independente porque temos unha débeda coas vítimas e con este país, e necesitamos ter a seguridade de que cando viaxamos en tren se fai nas mellores condicións e non se vai volver repetir un accidente destas características”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG