O BNG tenta frear no Parlamento o peche do centro de saúde de Soutelo de Montes, Forcarei

Montse Prado
Montse Prado
  • Montse Prado: “Cómo pretende a Xunta fixar poboación no rural se un día si e outro tamén se pecha dalgún servizo público?”

A deputada por Pontevedra Montse Prado trasladou ao Parlamento a alarma social xerada entre a veciñanza de Soutelo de Montes ante o previsible peche do centro de saúde e a derivación das persoas doentes ao centro de Forcarei. De feito, o PAC ameazado de peche xa non cubriu máis que con persoal temporal a praza de enfermería e a praza de servizos xerais alegando o pequeno número de cartillas que tamén fai prever a perda a curto prazo dun facultativo.

Ante esta situación, o BNG traslada o asunto ao Parlamento para o seu debate e lembra a deputada que “unha parte moi significativa da poboación que usa este centro de saúde é de idade moi avanzada, moita sen vehículo propio e sen transporte público para desprazarse a Forcarei”. Ademais, explica Prado na iniciativa presentada na Cámara, o cento de Soutelo de Montes “ten un volume importante de persoas doentes crónicas o que implica un volume de traballo elevado”.

O Bloque chama a atención sobre o feito de que o peche deste servizo tería un impacto na saúde da poboación, pero tamén un impacto económico, “pois suporía un prexuízo para a economía local afectado actividades como do comercio, taxis, botica ou alimentación, que soportarían unha caída da súa clientela mesmo con posibilidade de ter que pechar”, explica Prado.

Neste contexto, a deputada pregúntalle a Xunta “cómo pretenden fixar poboación no rural se un día si e outro tamén se pecha algún servizo público?”. Por iso, o BNG presenta unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar o mantemento do centro de saúde de Soutelo de Montes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG