O BNG rende homenaxe a Castelao e apela a “ilusión e esperanza” do histórico nacionalista

Homenaxe a Castelao
Homenaxe a Castelao

Ana Pontón recrimina a Feijóo que conduza a Galiza á “irrelevancia política” e  a súa submisión a Mariano Rajoy para facer carreira

Reclama políticas efectivas contra a violencia de xénero e fuxir do sensacionalismo mediático e social das vítimas de violencia machista

O BNG rendeu hoxe  unha homenaxe a Castelao en Rianxo para lembrar o seu legado político e conmemorar o 68 anos do seu pasamento en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón apelou a “ilusión e esperanza” do histórico nacionalista  para recoñecer a Galiza como nación sobre todo , dixo,   ante o reto que se nos presenta  co cambio institucional. Neste debate, recalcou, Pontón,   Galiza non pode quedar no vagón de cola, debe ser protagonista. E se hai alguén que leva anos tirando pedras contra o teito de Galiza é o Goberno da xunta con   Feijóo á cabeza. Feijóo dende o minuto un puxo en marcha unha estratexia que conduce á “irrelevancia política” ao noso país e mantén unha postura  “submisa” ante Maríano Rajoy porque  o Presidente da Xunta quere   seguir facendo carreira política.

“Hoxe non temos goberno”, temos “unha delegación do goberno central en Galiza  e un Presidente irrelevante, “o máis irrelevantes de todos os irrelevantes”. Nestes anos non fallou o país, non fallou a xente, fallou o marco e fallaron os nosos gobernantes.

Neste sentido criticou os recortes das  políticas do Partido popular en Sanidade e Educación, o veto da transferencia da AP-9, os retrasos no Ave, unha luz en Galiza máis cara que en España, a gasolina máis cara e a suba de peaxes na autoestrada, estas, dixo, son as consecuencias da “irrelevancia política” á que nos está conducindo Feijóo.

O  PP pode empeñarse en pregoar a fin da crise pero a realidade é ben diferente: Miles de persoas están en paro, a maioría  mulleres, medra a desigualdade e  naceu unha   nova modalidade social: traballadores pobres. Miles  de mozas e mozos vénse  forzados a emigrar, as pensións cada vez teñen menos poder adquisitivo e en Galiza persiste un  grave problema demográfico.

Para a dirixente do  BNG, todas estas cuestións  deben ser abordadas coa estratexia que denominou das 3 ies, “identidade, innovación e ilusión” co fin   construír unha Galiza que supere o marco “autoanémico”, insuficiente e esgotado, apostar pola modernización asentada no coñecemento e na ciencia e recuperar a ilusión para  romper coa “dependencia e o centralismo”.

Homenaxe a Castelao en RianxoEleccións municipais

Ante a nova cita electoral de comicios locais, a nacionalista afirmou que o “BNG está unido e forte” e conta cun proxecto sólido que defende os intereses de todos os galegos e galegas. “ Temos un ano e seis meses para preparar esa cita. Os gobernos do BNG demostran que temos solucións aos problemas de mobilidade nas cidades, que é posible abaratar o recibo da luz, coidar o noso patrimonio, crear emprego, apostar polo pequeno comercio. No BNG estamos  estamos orgullosas da a nosa lingua e da nosa cultura e sobre todo, estamos convencidas e convencidos de  que é  posible poñer “fin ao caciquismo con gobernos democráticos e transparentes”.

Homenaxe a Castelao

Na homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ana Pontón manifestou que detrás da súa figura “emerxe toda a dignidade do pobo galego”,  e aínda nos nosos días, remarcou, segue sendo “unha figura incómoda” que tenten ocultar e manipular porque saben que Castelao segue “axitando conciencias e espertando vontades”.

Todos os galegos e galegas temos unha débeda con Castelao e a súa xeración, eles e elas, conformaron o nacionalismo galego e sobre todo unha idea fundamental, “precisamos organizacións sen dependencias de Madrid”.

Na súa intervención, a nacionalista tamén lembrou o centenario da Iª Asemblea Nacionalista de Lugo da que leu parte da súa declaración final: “Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito,un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa”.

E igual que fixeron Castelao e a súa xeración, temos que estar alerta e levantar a bandeira de Galiza.  Nós, como republicanas galegas sabemos  que a nosa bandeira tricolor é “blanca, e azul cunha estrela vermella. Esta é a nosa bandeira!” e  nosa  bandeira non é para axeonllarse e xurala! A nosa bandeira é para reivindicar a nosa patria natural, a democracia e a liberdade!

Ana Pontón e o alcalde de Rianxo, Adolfo MuíñosA corrupción do réxime, dende a Casa Real aos partidos do Réxime

A dereita española, na súa versión azul ou laranxa, explicou,  defende un estado artificial  para seguir engordando os beneficios das grandes empresas do  IBEX35 e manter o entramado corrupto que se esconde detrás  do réxime do 78. “Unha corrupción que vai desde a Casa Real, até os partidos do réxime, unha corrupción que está tanto na xustiza como no poder político”.

Unha corrupción que non só está na caixa B do PP, tamén hai corrupción na factura da luz que dá beneficios multimillonarios as  eléctricas, mentres xente pasa frío nun país no que producimos electricidade a esgalla pero  tamén é corrupción regalar as nosas caixas de aforro a un empresario venezolano, mentres deixaron a miles de persoas estafadas pola banca.

Finalmente, a portavoz nacional do BNG aludiu ao proceso en Catalunya e cualificou de  “escándalo” que persoas permanezan na cadea por defender ideas  mentres, “Urdangarín, Rato ou M. Rajoy  segue sen pasar un día da cadea a pesar de que está demostrado que  roubaron diñeiro público ou cobraron da caixa B”. Pontón   enviou a  solidariedade do BNG  aos Jordis, a Forn e a Oriol Junqueras presos  por defender ideas por vías pacíficas e democráticas.

Pontón concluíu aludindo a grande conmoción que produciu o asasinato de Diana Quer na parroquia de Asados en Rianxo  e lembrou que  desde 2004 son máis de 800 as mulleres asasinadas no estado español e  cada ano máis de 5.000 galegas poñen denuncias nos xulgados.  Estes datos son soamente    a punta do iceberg . Sabemos que a fin da violencia machista non vai vir polo Código Penal, senón que a resposta está na educación e advertiu que as mulleres perdémolo medo e  non imos deixar de camiñar soas polas rúas, nin de noite nin de día.

Pontón reclamou políticas eficaces contra a violencia de xénero e fuxir do sensacionalismo mediático e social das vítimas de violencia machista.

A portavoz nacional parabenizou  o traballo político  da membro da dirección de Galiza Nova, Elvira Blanco e lembrou os cambios introducidos no concello de Rianxo grazas ás medias implantadas polo alcalde nacionalista, Adolfo Muíños  do que dixo é “o mellor alcalde dos últimos 40 anos neste concello”.

A homenaxe do BNG a Castelao finalizou cunha ofrenda floral ante o busto do histórico nacionalista no paseo da Ribeira de Rianxo

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG