O BNG propòn que a Xunta apoie ás sociedades protectoras que se encargan da recollida de animais

IMG_9779
Olalla Rodil na Sociedade Protectora de Animais de Lugo
  • “Neste momento non existen liñas de axudas estables da Xunta para estas entidades que están a facer un traballo fundamental para a sociedade” dixo Olalla Rodil
  • Rodil visitou as instalacións da protectora de Lugo onde comprobou a necesidade de contar con máis medios e instalacións para poder realizar un traballo “necesario e demandado”

A parlamentaria lucense, Olalla Rodil, visitou as instalacións da Sociedade Protectora de Animais de Lugo e anunciou que o BNG levará unha iniciativa ao Parlamento Galego para demandar da Xunta de Galiza “unha liña de axudas estable que garanta os fondos necesarios para o funcionamento das Sociedades Protectoras de Animais que se están encargando de recoller animais abandonados en todo o país”. Rodil sinalou que “no caso de Lugo son uns 400 os cánidos que se atopan a cargo da Protectora neste momento e as dificultades de finanzamento son importantes por que non existe unha liña de axudas da Xunta de Galiza que garanta unha estabilidade de funcionamento para a entidade”.

Rodil sinalou o “papel fundamental” destas entidades que “están a dar solución á irresponsabilidade dunha sociedade que deixa cans abandonados día si e día tamén” e apuntou “segundo nos comentaron na propia Protectora, nun solo día recolleron 18 cans abandonado, e esto é un dato significativo do que está a suceder en Lugo e que é extrapolable a outras comarcas galegas”. “Levaremos esta iniciativa ao Parlmento e estamos seguras de que contaremos co apoio de todos os grupos por que o problema afecta a todos os concellos e todas as forzas políticas temos que ser conscientes do traballo das protectoras” dixo Olalla Rodil que animou a representantes das outras forzas políticas a visitar instalacións como a de Lugo “para ver o traballo que se fai e os poucos medios cos que se conta”.

Para a Parlamentaria do BNG “trátase dun problema social, e temos que traballar conxuntamente, dende moitos ámbitos, para que a xente mude de actitude e os animais non queden abandonados nas estradas e camiños, mais mentres esto non sucede as Protectoras están a facer un traballo necesario e demandado por toda a sociedade”. Rodil sinalou os poucos recursos, “que a pesares de que son suplidos pola boa vontade de moitas persoas que aportan traballo e donativos”, non garanten a continuidade deste servizo necesario.

Olalla Rodil apelou, tamén, á responsabilidade das persoas que teñen animais e engadiu “imos propoñer que dende a Xunta se impulsen campañas de chipeado para que os todos os cans estén perfectamente identificados e se poidan pedir responsabilidades ás persoas que os abandonan”. Ademais, explicou Rodil, “é necesario que se poñan en marcha campañas de estirilización para evitar a chegada de cámadas inexperadas que despois rematan en abandonos de cachorros e de cans”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG