O BNG propón crear corpo único bombeiros paga ganar en eficacia e evitar duplicidades

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Mini defende no Parlamento coordinar os servizos de emerxencia, homologar as probas de acceso e as condicións laborais dos traballadores e traballadoras

Grupos de emerxencia supra municipal (GES), grupos de emerxencia municipal, brigadas forestais, brigadas dos concellos, brigadas privadas, Tragsa, protección civil, Unidade militar de emerxencias (UME), bombeiros de parques privados, bombeiros funcionarios, etc integran a multiplicidade de corpos que actúan como servizos de emerxencia en Galiza, con escasa ou inexistente coordinación para garantir a súa eficacia á hora de atender unha situación de emerxencia, en particular o combate contra os lumes.

Ante esta situación, o deputado Xosé Luís Rivas defendeu no Parlamento a creación “dun corpo de bombeiros único, público, profesional e galego” que, como moito, teña dúas seccións: bombeiros e bombeiros forestais. “Unificando e facendo público o servizo de extinción de incendios e de salvamento nun único corpo de bombeiros evitaríanse as duplicidades, ganaríase en eficacia ademais de reducir o custe para a administración”, salientou Rivas na súa intervención.

O deputado pola Coruña salientou que, a día de hoxe, “non hai comunicación nin mando único entre as diversas entidades que participan nunha emerxencia”, ao que suma, argumentou, “a inestabilidade e a precariedade laboral”, en particular nos chamados GES “nos que tanto traballadores como alcaldes descoñecen se este servizo terá continuidade máis aló de 2018”.

Rivas tamén fixo fincapé na heteroxeneidade dos procesos selectivos, “que na maioría dos casos serviron para que os caciques locais colocaran discrecionalmente”, e reclamou unha convocatoria idéntica para todo o país nun proceso transparente e cun tribunal imparcial. Igualmente, o parlamentario denunciou a disparidade das condicións laborais xa que, segundo os concellos, os salarios oscilan entre 800 e 1.400 euros mensuais.

E dispares son tamén as tarefas a realizar por parte dos e das traballadoras destes servizos de emerxencia. “Hai concellos nos que o persoal do GES realiza exclusivamente labores de emerxencia e prevención, pero hai outros nos que pintan beirarrúas, recollen o lixo, retiran animais..., o que merma a súa capacidade para acudir a unha emerxencia en tempo e en óptimas condicións”, alegou.

Por iso, a proposta do Bloque para mudar esta heteroxeneidade que afecta sobre todo aos efectivos integrados nos GES, e crear un corpo de bombeiros único en Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG