O BNG propón un acordo na Cámara Galega para dicir “non” ao recortazo dos orzamentos xerais do Estado

Luís Bará rexeita os Orzamentos do Estado
Luís Bará rexeita os Orzamentos do Estado
  • A perda de 442 M€ supón  un descenso do 33% para investimentos en Galiza  mentres se incrementan os gastos militares e da Casa Real

O parlamentario do BNG, Luís Bará solicitou hoxe, a través dunha proposición non de lei, un acordo da Cámara galega para rexeitar o proxecto de Orzamentos do Estado 2017 polo recortazo nas inversións en Galiza e os recortes sociais que presentan.

Bará defendeu uns orzamentos que “respecte a Galiza e ao seu pobo” e que permitan o seu desenvolvemento. Estas cifras, dixo, respondendo ao portavoz do Partido popular, “son frustrantes” se as comparamos con outros territorios que están a negociar grandes vantaxes como Canarias ou Euskadi e mentres tanto temos que ver como o Partido popular e Núñez  Feijóo limítanse a “calar, outorgan e aplauden coas orellas estes acordos”.

Para o deputado, os “agravios con Galiza” seguen medrando e puxo como exemplo a “estafa” da AP-9 que coincide co rescate multimillonario das catro autoestradas madrileñas con 3.500 millóns de euros que se incluirán nos orzamentos do Estado 2017-2018,  o sistema de financiamento local e autonómico “discriminatorio para Galiza” ou a sucesión de “enganos e retrasos do AVE”.

O parlamentario tamén  indicou  que mentres en Galiza hai un descenso dun 33% nos investimentos os gastos militares e da Casa Real foron incrementados. “Para iso si que hai cartos”, denunciou.

Os doce deputados e deputadas galegas no Congreso “non sabemos que pintan porque só saben dicir amén a todo o que lles mandan”. Aquí en Galiza, vemos como o Partido popular aplaude un recorte de 442 millóns de euros que nos devolven á etapa “máis negra da era e do goberno de Aznar” cuns  investimentos que en Galiza tocaron fondo.

Pero ademais, engadiu, vostedes tamén aplauden que durante estes anos quedaran sen executar 2.000 millóns de euros polo que volvemos a propoñer “un acordo” para recuperar eses investimentos para un  plan de infraestruturas que aposte polo ferrocarril, a rede de estradas  e a modernización dos portos e aeroportos.

O deputado preguntou que pensaría o PP se o acordo co PNV fora aprobado por outro goberno e respondeu que Feijóo e o Partido popular galego o consideraría “un aldraxe” e se o recorte de 442 millóns de euros fixéraa outro goberno seguro que non o aplaudirían como están a facer agora.

O nacionalista pediu ao Partido popular que escollera á hora de votar a iniciativa do BNG, “estar ao lado dos intereses do PP de Madrid e Rajoy ou dos intereses de Galiza e do Pobo galego”. Nós recalcou, “sabemos de que lado estamos”.

Os votos do grupo maioritario do Partido popular impediron que prosperara a iniciativa nacionalista que reclamaba o acordo da Cámara para rexeitar o proxecto de Orzamentos do Estado 2017 polo “recortazo” nas inversións en Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG