A portavoz nacional e do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón responsabilizou hoxe ao goberno galego da discriminación de Galiza no reparto das cotas pesqueiras na Unión europea e avanzou que o BNG presentará iniciativas, no Parlamento galego e europeo na defensa da flota artesanal galega e dun modelo de cotas que non discrimine a Galiza.
Trala encontro coa Asociación de armadores do cerco de Galiza (ACERGA), para abordar os resultados das negociacións das cotas pesqueiras da Unión Europea, a portavoz do BNG afirmou que a Xunta de Galiza mantén unha postura de “submisión” ás decisións do Partido popular de Madrid que privilexiou outras zonas pesqueiras en detrimento da flota galega. Neste sentido, lembrou que este ano baixou nun 13% e cota a captura da pescada, 24% o xurelo, 20% a xarda e a cigala ten prohibida a pesca no litoral, a pesar, dixo “de informes favorables e un caladoiro recuperado”.
Constatamos como cada ano o sector pesqueiro galego perde capacidade. A estratexia da Unión Europea sempre é a mesma, anuncia recortes moi fortes e logo o recorte é menor e por riba “temos que parabenizarnos porque recortaron menos do previsto”. Para o BNG, recalcou Pontón, “está é unha lóxica perversa que hai que mudar”. Nesta liña apuntou que Galiza ten que contar cunha “estratexia de defensa” e o que debe ser baluarte desa estratexia é o Goberno galego ao que pediu “deixar de ser comparsa nunha delegación estatal na que flota galega non ten peso político e sempre acabamos perdendo”.
Que proxecto empresarial pode ter un barco que non sabe con que capacidade de pesca vai contar o ano que vén?. Esta inestabilidade, argumentou Pontón, afecta no caso do cerco a 1.500 persoas con traballo no mar pero que hai que multiplicar por catro en terra, polo tanto é un sector cun gran peso no noso país e non entenderíamos que unha empresas da que dependen 6.000 empregos dependa do “ albur de institucións europeas” e “desamparo do goberno galego e goberno central”.
O BNG ANUNCIA INICIATIVAS NO PARLAMENTO GALEGO E EUROPEO EN DEFENSA DO CERCO
Para a portavoz nacional do BNG, “Galiza ten que negociar directamente coa Unión Europea” e trasladou aos membros de ACERGA o compromiso do BNG, tanto no Parlamento galego como europeo, de presentar iniciativas cara “un reparto de cotas máis xusto”, e un modelo que non conduza ao “desguace total” da nosa flota”.
Pola súa parte, a portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado reiterou que o actual modelo de reparto “non é acaído e o Goberno do Partido popular hai anos que abandonou o sector do cerco”. O BNG, reiterou, Prado, sempre estivo ao lado do cerco e aí seguiremos porque “crea emprego, estabiliza poboación nas vilas mariñeiras e impulsa a economía”.
Prado reprochou á consellería do Mar que non defenda o modelo de pesca tradicional como o cerco e o xeito que xeran tanta riqueza en Galiza
Finalmente, o presidente de ACERGA, Xosé Blanco denunciou que o reparto de cotas afectan gravemente ao sector, con este reparto dixo, “o sector non pode vivir”. Xosé Blanco alertou que os continuos recortes nas cotas obrigará a “desguazar a flota enteira e que a xente marche a buscar traballo fora” e preguntou que “problema ten Bruxelas para querer quitar do mapa a Galiza?