O BNG interpelará a Feijóo sobre os plans para o medio rural tras anunciar “vellas medidas non executadas”

OLALLA RODIL XUNTA PORTAVOCES1
Olalla Rodil
  • Demanda investimentos e a transferencia da xestión do FEVE ante o desmantelamento desta infraestrutura por parte do Goberno central

O BNG utilizará  sesión de control ao presidente a Xunta para interpelar a Feijóo sobre os plans do Executivo galego para revitalizar o medio rural, despois de que este anunciase por terceira vez as mesmas medidas baixo un novo envoltorio.

“O único que quere o señor Feijóo é que nos creamos a súa propaganda que consiste no anuncio de vellas medidas non executadas, iso si, con diferente envoltorio, pero que xa nos intentou vender en novembro de 2015 e en abril de 2016”, denunciou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de portavoces.  “As mesmas iniciativas con lazo diferente, non é serio se o que queremos e reverter a situación do medio rural”, ratificou.

Unha situación caracterizada por un continuo deterioro como demostran os datos.  “Pecharon unha de cada tres das explotacións gandeiras, -4.000 desde 2009-, e os nosos produtores soportan o prezo do leite máis barato”, sinalou a modo de exemplo, ao tempo que alega a falta de infraestruturas básicas “que fai que a veciñanza teña que percorrer quilómetros para ter servizo de pediatría ou servizo escolar”.

Tamén en relación ao sector rural, o BNG vai levar ao Parlamento a situación dos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes onde hai previstos proxectos de extracción de seixo que poderían poñer en risco a importante actividade agrogandeira nestes municipios, “en particular vinculada á produción leiteira que ocupa unha superficie de 7.000 hectáreas”, explicou a viceportavoz.

O planificado deterioro do servizo ferroviario de FEVE entre as comarcas de Ferrolterra e A Mariña irá tamén ao vindeiro pleno da man do BNG, “toda vez que vemos o progresivo desmantelamento ao longo destes anos coa estocada final da supresión dos 12 millóns de euros para o mantemento das vías que non se van executar e, sobre todo, como nos últimos días se foron suprimindo a maior parte dos servizos”, argumentou Rodil.

A deputada nacionalista xa avanzou que o vai pedir a transferencia a Galiza da xestión desta infraestrutura, da que destacou o seu potencial para transporte de mercadorías, ademais de ser un elemento de cohesión territorial.

 “É inadmisible que esteamos asistindo ao desmantelamento do FEVE cando Alcoa podería beneficiarse co transporte de 350 toneladas de placa de aluminio que saen en dirección a Euskadi desde a planta da Mariña, ou a mercadoría que mobiliza o sector madereiro do norte de Galiza cunha 36.000 toneladas de madeira”, explicou.

Polo tanto o BNG vai esixir investimentos por parte do Ministerio de Fomento e tamén que se transfira á Xunta a xestión desta infraestrutura.

As protestas veciñais ante as obras da AP9 e na Ponte de Rande en Redondela, os usos para o que fora a antiga residencia de Lugo e o concurso das ambulancias do 061, investigado polo xulgado de instrución de Santiago, completan os temas que se levarán ao pleno da Cámara.

Declaracións institucionais 

O Parlamento aprobará unha declaración institucional con motivo do Día internacional do pobo xitano, xa consensuada, e tamén se someterán a consideración as propostas de declaración institucional sobre o drama dos refuxiados e sobre a situación do Pobo Saharauí.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG