O BNG pide unha reunión urxente da comisión de seguimento da AP-9 para avaliar o incendio nas obras de Rande

Obras de ampliación en Rande (Foto: CIG)
Obras de ampliación en Rande (Foto: CIG)

Luís Bará denuncia “interese lucrativo” de AUDASA  para rematar a toda costa as obras e subir o 1% na Ponte de Rande a partir do 1 de xaneiro

O BNG pide que se reúna con urxencia a Comisión bilateral de seguimento da AP-9 da que forman parte o ministerio de Fomento e a Consellería de infraestruturas para “avaliar a situación que se está a producir nas obras da Ponte de Rande” onde esta madrugada un incendio provocou a rotura dun dos tirantes e afectou a un segundo soporte “poñendo en risco a seguridades dos traballadores e persoas usuarias”.

Bará exixe que a Comisión de seguimento “extreme as medidas de seguridade para evitar riscos sobre as persoas” e reclama iniciar as accións necesarias contra a “abusiva subida das peaxes” que pretende “perpetrar AUDASA coa colaboración do ministerio de Fomento”, a partir do 1 de xaneiro.

Ademais, o deputado denuncia  prolongadas  xornadas laborais dos traballadores  en horas nocturnas e condicións meteorolóxicas adversas. Neste sentido, avirte que  o accidente  ocasionado esta   madrugada,   responde ao “interese da concesionaria” de rematar as obras “a toda costa” co fin de subir a peaxe o 1% a partir do 1 de xaneiro neste treito.

Para o deputado, a concesionaria prioriza o “interese lucrativo” por riba da seguridade das persoas que traballan nas obras de ampliación da ponte de Rande e mesmo dos  usuarios e usuarias da infraestrutura. Por outra banda, Bará denuncia a situación que se está a vivir nas parroquias de San Vicente de  Trasmañó e Chapela, no concello de Redondela, polas consecuencias e impacto negativo das obras polo que pide “implementar canto antes  as medidas  correctoras necesarias”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG