O BNG pide restituír o préstamo universal de libros de texto e axilizar o acceso ao fondo solidario

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil instou á Xunta a garantir que o sistema de préstamo permita ao alumnado contar con todo o material ao inicio do curso e avanzar no sistema universal en todo os niveis de ensino obrigatorio

A proposición non de lei, defendida  pola deputada do BNG, Olalla Rodil para restituír o préstamo universal de libros a todo o conxunto do estudantado e en todos os niveis de ensino obrigatorio, foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular na comisión de Educación e Cultura, celebrada hoxe no Parlamento galego.

A deputada  lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que recolle as queixas de moitas familias  e concretamente dun instituto da Coruña onde se criticaba a “demora na obtención do catalogo dos manuais” aos que podían acceder a través do Fondo solidario de libros de texto.

 A deputada   explicou que os prazos fixados pola administración ás familias para  a listaxe de libros prestados non se coñecen ata catro días despois de iniciar o curso académico descoñecendo polo tanto os que deben encargar nas librarías. A tramitación  de solicitudes corresponde á dirección dos centros de ensino a través dunha aplicación informática da Xunta que determina, “en función da renda familiar” o número de libros que corresponde a cada solicitante. Os prazos, denuncian as familias “demoran a adquisición do conxunto do material  e causa un prexuízo ao colectivo de estudantes que non contan durante as primeiras semanas lectivas co material.

 Rodil asegurou que é necesario volver a abrir o debate de como se equilibran sociedades cada vez máis desiguais e o BNG sempre apostou por unha solución fiscal que presione as rendas máis altas para  redistribuír diferentes servizos  gratuítos e universais como  o préstamo universal de libros. 

Olalla Rodil pediu que se axilicen estes trámites para facilitar o material ao alumnado e sobre todo, “avanzar na restitución do préstamo universal de libros”. O BNG, anunciou, seguirá reclamando este “servizo público”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG