O BNG pide modificar a Lei para que un crime como o de Diana Quer sexa considerado violencia machista

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil: “A lexislación estatal ten que avanzar para que a violencia sexual contra as mulleres fora do ámbito da parella tamén sexa recollida como violencia machista”

Insta aos medios a reflexionar sobre a cobertura informativa deste tipo de casos para evita xulgar á vítima

O BNG transmite o seu pesar e as súas sentidas condolencias á familia e amizades de Diana Quer, nun momento durísimo que se suma ao sufrimento ao longo destes meses desde a desaparición da moza madrileña.

Para a formación nacionalista, este novo e terrible caso de violencia machista que sega a vida dunha muller polo mero feito de selo, aínda que a Lei estatal de violencia de xénero, -Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero-, non o recoñeza como tal, razón pola que o Bloque demanda do Goberno central que leve a cabo as modificacións necesarias para que este tipo de casos sexan considerados terrorismo machista, como xa fai a lexislación galega desde 2007.

“A lexislación estatal ten que avanzar para que a violencia sexual contra as mulleres fora do ámbito da parella tamén sexa recollida como violencia machista”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “estamos diante dun feminicidio, un problema estrutural que atinxe milleiros de mulleres no noso país máis alá das relacións de parella”.

Rodil pediu a implicación de toda a sociedade na loita contra a violencia machista que, obviamente, debe ser unha cuestión prioritaria e transversal para as administracións públicas. Neste sentido, volveu poñer sobre a mesa a proposta do BNG para destinar o 1% dos orzamentos anuais a combater esta violación sistemática dos dereitos humanos, que no caso de Galiza suporía pasar a 90 millóns de euros multiplicando por vinte os recursos actuais.

“Ningún acordo político, social ou institucional se pode facer efectivo sen os recursos suficientes para poñelo en práctica”, indicou Rodil.

A viceportavoz parlamentaria tamén fixo un chamamento aos medios de comunicación aos que convidou a unha “reflexión profunda” sobre a cobertura informativa do caso de Diana Quer, “na que se xulgou a súa conduta, ata a súa forma de vestir, e  na que tamén se xulgou a súa familia”. E non é un caso illado, salientou, citando o exemplo recente da cobertura mediática do coñecido caso da “manada”.

“A información que se emite constrúe unha imaxe”, salientou Rodil, quen apelou as recomendacións do propio Colexio de Xornalistas de Galiza de 2004, -Declaración de Compostela-, como guía para a cobertura informativa deste tipo de casos de gran impacto na opinión pública.

“A violencia contra as mulleres é unha violación dos dereitos humanos, é un problema estrutural nunha sociedade que non é capaz de garantir que as mulleres podamos volver as nosas casas sen o temor a ser atacadas e agredidas cando volvemos de festa”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG