O BNG defendeu hoxe no Parlamento galego elaborar unha Lei dos Santuarios animais para mellorar o seu funcionamento e potenciar a creación de máis centros en Galiza. O partido popular rexeitou a iniciativa defendida polo deputado do BNG, Luís Bará argumentando que xa existe unha lei de protección animal.
Na súa intervención, o nacionalista apelou ao avance no recoñecemento e respecto dos animais e reclamou “un marco legal” para este tipo específico de centros, “sen ánimo de lucro”. Bará lembrou que albergan animais rescatados de explotacións gandeiras “rexeitados” pola industria ou abandonados por maltrato animal. A diferencia dos refuxios tradicionais, explicou, “nos Santuarios de animais viven e están protexidos o resto das súas vidas”.
Para o deputado resulta imprescindible contar “cunha lei que regule uns centros que non teñen cabida na lexislación de protección animal” e por non seren refuxios de animais de compañía. A pesar de non existir unha normativa ao respecto, afirmou, en Galiza existen diversos centros destas características polo que resulta necesario a súa regulación.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Gonzalo Trenor anunciou o voto en contra á iniciativa defendida por Bará argumentando que xa existe unha lei de protección animal ao que o nacionalista retirou que, “efectivamente existe esta lei pero non recolle as especifidades dos santuarios animais”.
Bará insistiu en que a lei aprobada recentemente no Parlamento non recolle a realidade dos équidos ou as touradas e neste caso unha regulación dos santuarios animais conlevaría o amparo dos propios centros pero tamén dotalos de servizos que garantan o benestar dos animais.
O deputado do BNG lamentou o voto en contra do Partido popular para que Galiza conte cunha lei de Santuarios de animais.