O BNG logra o apoio do Parlamento para iniciar a recuperación dos saltos hidroeléctricos públicos

Peares
Peares

Noa Presas salienta que a maioría teñen a data de concesión a punto de finalizar o que abre a posibilidade de que os beneficios de ata 1.200 millóns de euros ao ano pasen aos galegos e galegas

O BNG logra o acordo do Parlamento para iniciar a recuperación dos saltos hidroeléctricos cuxa concesión privada estea próxima a caducar co fin de que volvan ser de explotación pública e, polo tanto, o beneficio que a Comisión Nacional da Enerxía cifra entre 650 e 1.200M€, vai ás arcas públicas.

En concreto, o acordo establece “elaborar unha estratexia de actuación sobre os aproveitamentos hidroeléctricos con dereito concesional a extinguir no presente e no seguinte ciclo de planificación hidrolóxica, é dicir ata 2027, na que se analicen os condicionantes xurídicos, económicos, ambientais e sociais que permitan decidir a modalidade de explotación dos mesmos”. Igualmente, tamén se aprobou instar á Xunta para que siga aportando toda a información que se lle solicite sobre as condicións das concesións do saltos hidrográficos da Demarcación Galiza-Costa.

Con esta iniciativa, defendida pola portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, o BNG pretende que sexa Galiza e o conxunto do pobo galego os que se beneficien de ser este un país produtor neto de electricidade, mudando a situación actual pola que, en base a un deseño imposto desde fora, “Galiza produce e outros territorios consumen, un deseño contrario aos intereses e ás necesidades do noso país”, salientou Presas.

A deputada subliñou no debate que Galiza está chea de encoros e saltos hidroeléctricos que serven desde sempre para abastecer de enerxía eléctrica Madrid, cun custe ambiental polo que o país non recibe ningunha compensación ou beneficio.

Por contra, os saltos hidráulicos “levan ata máis de cen anos xerando beneficios privados con recursos de todos, tanto por ser a auga un ben público como polo feito de que moitos foron desenvolvidos con cartos públicos que despois se pasaban ao sector privado en concesión, e mesmo nos casos nos que houbo investimento privado, está sobradamente amortizado polos beneficios xerados”, argumentou a deputada.

Entre os exemplos citados na intervención na Comisión parlamentaria, as centrais hidráulicas como as que soportan os ríos Xallas, Tronceda ou Verdugo, que teñen máis de cen anos de antigüidade, aínda que a maioría foron desenvolvidas no Franquismo e  o resto en época máis recente como os Peares II cuxa ampliación foi autorizada polo executivo de Feixóo.

“Con esta proposta falamos de xustiza social, ao buscar un retorno para as arcas públicas, para as galegas e os galegos, pero tamén de xustiza histórica”, salientou Presas, de aí esta iniciativa do Bloque tendo en conta que a maior parte dos saltos foron concedidos no Franquismo por un período de 75 anos que entran na recta final, abrindo a posibilidade de recuperación para o público duns beneficios que a Comisión Nacional da Enerxía ten estimado que, en función da cantidade de choiva e do prezo do gas cada ano, entre 650 e 1.200 millóns de euros anuais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG