O BNG logra o apoio da Cámara para reclamar a modernización do FEVE en Ferrolterra e A Mariña

Olalla Rodil
Olalla Rodil
  • Olalla Rodil: “Imos estar vixiantes de que se cumpra este acordo porque temos a obriga de darlle a estas comarcas un tren do século XXI”

A deputada por Lugo Olalla Rodil conseguiu sacar adiante a iniciativa do BNG en demanda de orzamentos necesarios para modernizar a liña ferroviaria que conectan as principais vilas e cidades do norte de Galiza a través da antiga FEVE entre as comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña, que afecta a unha poboación de máis de 240.000 persoas e a empresas tan importantes como Alcoa ou ás integradas no sector da madeira.

En concreto, Rodil conseguiu a aprobación unánime da Cámara para reclamarlle ao Goberno central os investimentos e as actuacións necesarias para dar un bo servizo ferroviario na liña que une Ferrol con Ribadeo, mellorando os trens, as estacións, os trazados e dotando de maior persoal este servizo.

“Imos estar vixiantes de que se cumpra este acordo porque temos a obriga de darlle á veciñanza destas comarcas un tren do século XXI”, recalcou Rodil, enumerando os  concellos afectados, - Moeche, Cerdido, San Sadurniño, Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira, Cariño, Viveiro e Ribadeo- “que levan meses esperando unha reunión coa conselleira de Infraestrutura”.

Non prosperou en cambio a proposta do Bloque de pedir a transferencia da xestión desta liña ferroviaria polo veto do PP.  “Estamos convencidos de que a xestión directa é a maneira de defender este servizo público fundamental para vertebrar o territorio, desde logo, non o imos lograr enviando cartas o Ministerio de Fomento como fai a conselleira, porque ao Goberno central as comunicacións das comarcas de Ferrolterra e A Mariña non lle importan nada”, alegou Rodil.

A deputada denunciou a supresión, sen explicación algunha, da partida de 12 millóns de euros destinada á modernización da liña que da servizo de transporte de viaxeiros, pero que tamén ten un gran potencial como transporte de mercadorías. “Para que se fagan unha idea, só ALCOA move 350 toneladas diarias de placa de aluminio, imaxinen as posibilidades económicas que se abrirían tendo en conta tamén as empresa do sector madereiro que actúan nestas comarcas”, explicou Rodil.

“Temos a obriga de ofrecer un servizo de calidade a poboación das comarcas de Ferrol, de Ortegal e da Mariña, a quen vai traballar, a quen vai estudar, a quen vai a utilizar os servizos públicos como o Hospital da Costa ou a quen vai por ocio. E dotar tamén dunha infraestrutura do século XXI ás empresas do noso país”, concluíu a deputada do Bloque. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG