O BNG levará ao debate do estado da nación a creación dunha comisión de investigación do Alvia

Ana Pontón
Ana Pontón

Ve positivo a decisión do Congreso pero considera unha “vergoña democrática” que se vete no Parlamento do país onde tivo lugar o sinistro

O BNG considera positivo que o Congreso dea luz verde á creación dunha comisión de investigación do accidente do Alvia, pero cualifica de “vergoña democrática” o veto do PP e do PSOE a que sexa investigado polo Parlamento do país onde se produciu a traxedia que custou a vida a 80 persoas.

O BNG non renuncia a esta demanda e avanza que no debate sobre o Estado da nación que se celebra a próxima semana vai presentar unha emenda específica solicitando, unha vez máis, a creación dunha comisión de investigación na Cámara galega, para analizar as causas do sinistro, determinar as medidas necesarias para evitar que se repita un accidente deste tipo e se garanta a seguridade no ferrocarril galego e, ademais, para establecer todas as responsabilidades políticas desta traxedia.

O Bloque lembra o papel decisivo que tivo a súa actuación política ante as autoridades comunitarias, -Comisión Europea e Eurocámara-, acompañando a asociación de vítimas en todo momento, aportando a súa mediación e interlocución en Bruxelas. Neste sentido, o informe emitido polas UE foi clave para avanzar no esclarecemento da verdade e na esixencia de responsabilidades políticas.

Un informe no que o Executivo comunitario demanda unha investigación independente, tras denunciar a parcialidade da realizada por ADIF, Renfe e Ministerio de Fomento, incumprindo a normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG