O BNG leva ao Parlamento a manipulación informativa da TVG denunciada polo comité de empresa do medio

OLALLA RODIL XUNTA PORTAVOCES1
  • Rodil recrimina a Sánchez Izquierdo que pretenda converter o caso de manipulación nun enfrontamento entre profesionais e pide a creación do Consello informativo previsto nunha lei aprobada fai cinco anos

O BNG trasladou á Comisión parlamentaria da CRTVG a denuncia do comité de empresa da TVG en relación á manipulación dunha noticia emitida no informativo Galicia noticias serán do pasado 6 de marzo, difundida previa supresión das declaracións críticas co Goberno galego en relación ao cultivo da ostra en Galiza, críticas que si foran incluídas na emisión da mesma nova no informativo de mediodía.

A portavoz nacionalista nesta comisión, Olalla Rodil, salientou ante o director xeral da  CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, a gravidade do feito que, segundo o comité de empresa e o propio xornalista autor da denuncia, “non é un feito illado, nin é a primeira vez que na televisión pública a dirección aplica criterios políticos e non informativos para xerarquizar as novas”.

Tras escoitar as explicacións do director do ente, Rodil recriminou a Sánchez Izquierdo a súa pretensión de reducir esta denuncia por manipulación informativa da TVG “a un conflito entre profesionais”, ademais de poñer en evidencia “que non hai un mecanismo para canalizar este tipo de denuncias na CRTVG” tendo que recorrer ao comité de empresa.

Neste sentido, Rodil reclamou a posta en marcha do Consello informativo do ente público como está previsto na Lei de medios públicos de comunicación en vigor desde fai cinco anos, para que haxa unha “canle acaída” para a tramitación deste tipo de denuncias de manipulación informativa na televisión pública.

Vidago Palace

O BNG tamén levou ao Parlamento o incumprimento da Lei Paz Andrade en relación a serie de ficción Vidago Palace, unha produción en colaboración coa televisión pública lusa, que non foi emitida na súa versión orixinal en portugués. “Esta lei está pensada precisamente para sacar partido á semellanza entres as linguas irmáns galego e portugués”, explicou Rodil, quen defendeu a emisión en versión orixinal para favorecer a comprensión do idioma do país veciño entre os galegos e as galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG