O BNG esixe á Xunta retirar o patrocinio a “Pulpo Extreme 2017” por discriminar ás mulleres deportistas

pulpoextreme
Captura da web de "Pulpo Extreme"

Noa Presas advirte que si a Xunta persiste no patrocinio á competición incorrerá no incumprimento da “súa propia Lei de Igualdade”

A deputada por Ourense e responsable de Acción Feminista do BNG, Noa Presas anuncia que o BNG pedirá, a través dunha iniciativa parlamentaria, que a Xunta de Galiza retire o patrocinio a competición deportiva “Pulpo Extreme 2017” de descenso urbano por que “discrimina ás mulleres deportistas” con contías nos premios  “moi inferiores” a respecto dos deportistas masculinos.

A parlamentaria advirte que si a Xunta persiste no patrocinio á competición, incorrerá en “incumprimento da súa  Lei de Igualdade” polo que o BNG  pedirá explicacións na Cámara galega.

A deputada cualifica de “escándalo” que a mesma proba outorgue un primeiro premio masculino dotado con 1.000 euros e o feminino só con 300. Para a nacionalista, esta discriminación “cimenta as desigualdades” e as administración públicas non poden ser “cómplices” polo que reitera que a Xunta debe tomar medidas urxentes e corrixir esta situación ou ben retirar definitivamente o patrocinio ao certame deportivo.

Por outra parte, Presas tamén denuncia discriminación lingüística ante a publicidade e información do evento, “exclusivamente en castelán”, a pesar de estar patrocinado e coorganizado polas administración públicas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG