O BNG esixe á Xunta que actue ante Unión Fenosa para soterrar a liña de alta tensión en Monteporreiro

Luís Bará e Noa Presas na Comisión de Industria
Luís Bará e Noa Presas na Comisión de Industria

O nacionalista reclamou ao director Xeral de Industria, “lealdade institucional” co concello de Pontevedra  e afirmou que o concello non recibiu ningún proxecto relativo ao soterramento da liña eléctrica

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará preguntou ao goberno polos prazos e situación actual do   proxecto de soterramento da liña de alta tensión que atravesa o  barrio de Monteporreiro ante as continúas demoras na execución das obras.

O parlamentario do BNG afirmou que o concello de Pontevedra recibiu diferentes proxectos de Unión Fenosa  pero ningún relativo ao soterramento da liña eléctrica en Monteporreiro,  “unha vella demanda da veciñanza” que finalmente foi plasmada nun convenio entre o concello de Pontevedra, a consellería  de  Industria, ambos gobernados polo BNG,  e Unión Fenosa.

O concello de Pontevedra, engadiu Bará   cumpriu a parte que lle correspondía do convenio  coa execución  do  soterramento dos tubos e aportando 500.000 euros. Posteriormente, o concello dirixiuse á Xunta para formalizar un novo convenio que continuara as obras ante a paralización do investimento  por parte de Unión Fenosa, obras que  ascendían a cerca dun millón de euros.

No mes de marzo de 2017 tralo  acordo do  concello de Pontevedra e a proposición non de lei do BNG defendida  no Parlamento galego, Unión Fenosa fixo público o anunciou da execución das obras e mesmo da ampliación do seu ámbito. Neste sentido, o parlamentario preguntou ao director xeral de Industria que xestións realizou a Xunta dende marzo de 2017 para impulsar e axilizar o soterramento da liña de alta tensión.

O deputado recalcou que o concello de Pontevedra “non ten competencias para soterrar liñas eléctricas e nin a Xunta nin o concello ten por que pagarlle a Unión Fenosa este investimento”.

Ademais preguntou que xestión prevé realizar a Xunta de Galiza para que se cumpra a previsión de executar as obras no ano 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG