O BNG esixe ao SERGAS que aplique as melloras laborais pactadas co persoal da sanidade pública

MONTSEPRADOCOMISION SANIDADE
  • Reclama a posta en marcha dos consellos de saúde para escoitar as propostas da cidadanía contra o deterioro deste servizos público

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, demanda ao Sergas que aplique as melloras laborais pactadas co persoal da sanidade pública e recollidas nos acordos derivados da negociación colectiva na Mesa Sectorial de Sanidade, pero que quedaron suspendidos “dentro da folla de ruta de recortes executada polo PP durante estes anos”.

Na Comisión de Sanidade, Prado criticou que dentro da “sangría” ao sistema público de saúde, “os e as profesionais foron das principais damnificadas por unha política que maltrata ao persoal sanitario”. A deputada denunciou que o Sergas aproveitou a crise “para deixar en suspenso de xeito unilateral a aplicación dos acordos asinados”, polo que demanda da Xunta que os cumpra “e repoña todos os dereitos laborais, económicos e sociais que lles foron eliminados” aos profesionais sanitarios.

“Se como di o Goberno estamos na senda da recuperación económica, e froito diso o presidente da Xunta decreta para el para os altos cargos do seu goberno un incremento salarial do 7,5% e do 7% respectivamente, non pode seguir conxelando as retribucións do persoal indefinidamente, nin a mellora das súas condicións laborais”, argumentou.

Os acordos pactados “non foron unha ocorrencia senón produto de meses de negociación que, no caso das retribucións, tiñan como obxectivo que o persoal sanitario deixase de ser dos peor pagados do Estado, e aínda seguen nesa situación”, alegou.

A deputada nacionalista tamén levou á Comisión de Sanidade a deliberada paralización dos consellos de saúde por parte do Executivo galego, “esmorecidos e mesmo algúns desaparecidos pese a estar previstos pola Lei de Saúde de Galiza coa finalidade de incorporar a valoración social no deseño e na garantía de dereitos sanitarios”.

Estes consellos de saúde de área están constituídos polos correspondentes concellos, asociacións de doentes, representantes sindicais, empresariais, veciñais e tamén da Xunta. O BNG considera que, dado o deterioro producido polos recortes na sanidade pública, “é necesario revitalizar estes consellos para facer posible a participación social e obrigar ao Sergas e ao goberno a escoitar as alternativas e as propostas da cidadanía galega para mellorar este servizo público esencial”, argumentou Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG