O BNG acusa ao PP de interferir na plena autonomía da Cámara montando unha farsa mediante a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces coa única pretensión de amordazar ao Parlamento, cuestionando o dereito á liberdade de expresión das voces críticas que denuncian a involución democrática do Estado español.
“Non estamos ante unha cuestión regulamentaria senón diante dunha gravísima utilización política da Xunta de Portavoces para converter o Parlamento nunha terminal do PP e para amedrentar e amordazar a quen pensa diferente e cuestiona o relato oficial”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras cualificar de “excelente” a intervención do deputado Luís Bará na que rachou unha foto do Rei para reclamar a derrogación da Lei mordaza e denunciar o recorte de dereitos e liberdades.
“Unha intervención que discorreu con normalidade absoluta e a proba é que en ningún momento foi apercibido nin chamado á orde”, salientou, unha intervención para denunciar o recorte de dereitos e liberdades “que poñen en perigo a democracia mesma”. E non o di só o BNG, -subliñou-, tamén o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, para quen “a queima dunha foto do Rei entra dentro do exercicio da crítica política e dentro da liberdade de expresión”.
Na reunión da XP, o Bloque amosou a súa negativa a ningún tipo de medida retroactiva “porque suporía un ataque á liberdade de expresión nunha intervención parlamentaria que non mereceu o máis mínimo reproche”, enfatizou, proba evidente de que a reunión urxente da Xunta promovida polo PP “era unha farsa para amedrentar ao BNG”.
E ante isto, o BNG replica ao PP: “Non lle temos medo e nos reafirmamos no que fixemos e dixemos durante o Pleno e non imos dar nin un paso atrás na defensa dos dereitos e das liberdades públicas porque son a esencia da propia democracia”, ratificou a viceportavoz.
Rodil tamén quixo expresar con claridade o rexeitamento do Bloque ás declaracións do presidente da Xunta en relación á intervención do deputado nacionalista.
“Non pode haber unha inxerencia de ningún outro poder no Parlamento, ao que hai que respectarlle a súa plena autonomía, e vemos que Núnez Feixóo intentou coas súas declaracións desviar a atención dos verdadeiros problemas deste país, tentando amedrentarnos e, ao mesmo tempo, crear cortinas de fume para que non se fale nesta Cámara do que realmente lle preocupa á sociedade”, denunciou a deputada do Bloque.
“Nos reafirmamos no que se dixo e se fixo porque se exerceu o dereito a liberdade de expresión, e non imos permitir que lle poñan mordazas a este Parlamento”, concluíu.