O BNG chama á sociedade galega a plantar cara a involución democrática dun Estado neofranquista

A decisión xudicial obedece á orde dun fiscal reprobado no Congreso por agochar a corrupción do PP, e liquida a separación de poderes

Pontón pide a posta en liberdade d@s detid@s e advirte que a represión do Estado pode ser aplicada a calquera persoa incómoda para o poder

O BNG denuncia que a orde de prisión decretada contra o lexítimo Goberno de Cataluña resulta “dunha gravidade extrema” e marca un auténtico punto de inflexión na deriva represiva e autoritaria do Estado. 

“A decisión tomada pola xuíza Lamela pon negro sobre branco que non hai separación de poderes senón uns órganos xudiciais ao servizo do PP, o paso dado pola xuíza, -na liña marcada por un fiscal que foi reprobado polo Congreso por ocultar a corrupción do PP-, responde a unha orde política do Goberno de Rajoy, abre a crise democrática máis grave dos últimos 40 anos e instala o Estado español nun comportamento neofranquista”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Para o Bloque, non estamos xa ante un debate a favor ou en contra de independencia de Catalunya, senón ante un elemental debate en defensa da democracia que obriga a unha mobilización social e política. “É un debate democrático, de defensa de dereitos e liberdades, porque o camiño de represión que hoxe se aplica contra o independentismo catalán é unha porta aberta que ameaza a calquera persoa, colectivo ou proposta política e social transformadora ou incómoda para o poder”, alerta Pontón.

“Por iso facemos un chamamento a todas as organizacións políticas e á cidadanía para que secunden as mobilizacións para facer fronte común e frear esta involución que nos afectan como demócratas, máis aló de ideoloxías e partidismos. Non valen as medias tintas, as demócratas debemos responder a este ataque nas rúas e nas institucións”, salientou a portavoz do Bloque.

O BNG denuncia a dobre vara de medir da Xustiza española, que precisa anos para resolver casos de corrupción que afectan ao PP, como a Gürtell, pero manda a cadea en 24 horas a membros de un Goberno lexitimamente elixido nas urnas, proba evidente que estamos ante un Estado “fracasado que traballa para que non haxa unhas eleccións limpas en Catalunya”, denuncia Pontón, advertindo contra as voces de importantes membros do PP como Pablo Casado ou Xavier Albiol pedindo ilegalizar forzas políticas como as CUP, ás que xa se apunta a extrema dereita.

Triste papel do PSOE

A situación “sen precedentes” demostra, segundo Pontón, “que o PP non quere resolver pola vía política o que é un debate político, que pasa pola aceptación de que estamos nun Estado plurinacional no que as nacións reclaman o seu dereito a decidir”. A dirixente pide unha contestación de todas as forzas políticas e da cidadanía para combater, “como David contra Goliat”, a involución que ameaza a todas as demócratas, indicou, tras lamentar o “triste papel” do PSOE da man do PP “que é o partido máis corrupto de Europa”.

Pontón transmite en nome do BNG a solidariedade con todas as persoas “inxustamente detidas ás que mandamos unha aperta fraternal, e reclamamos a súa liberación”. “É a primeira vez desde o Franquismo que se detén a un goberno elixido democraticamente cando só está defendendo ideas e reclamando que a xente poda decidir o seu futuro nas urnas. Solidariedade tamén as forzas políticas e entidades cívicas cataláns que están sendo reprimidas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG