O BNG apoia a lei de identidade de xénero, triunfo do colectivo LGBTI, do feminismo e da sociedade

Olalla Rodil: “O xénero non ten que ver cos xenitais, hai mulleres con pene e homes con vaxina” e esta lei avanza nos dereitos das persoas trans

“Vós non ides parar e nós tampouco, vémonos na rúa que é onde se ganan os dereitos”, proclamou tras o veto do PP á proposta lexislativa

O BNG celebrou o debate para tomar en consideración a Proposición de lei de identidade de xénero como un triunfo do colectivo LGTBi, autor do texto lexislativo, do movemento feminista e da “enorme” transformación da sociedade, que conseguiron pór no debate público e político os dereitos das persoas gais, lesbianas, transexuais e intersexuais.

Para a formación nacionalista, é imprescindible solucionar o baleiro legal que ten sin definir a transexualidade, a intersexualidade ou a identidade sexual e de xénero, dificultando o camiño das persoas cuxa identidade de xénero non se corresponde co seu sexo.

“Pedras, atrancos, límites  que comezan no momento en que para acceder a calquera servizo, como o sanitario ou o recoñecemento legal do seu xénero sentido, teñen que ser diagnosticadas cun trastorno de disforia de xénero, é dicir, como enfermas mentais”, denunciou Rodil.

A deputada nacionalista subliñou que acabar con esa indefinición é a clave do texto lexislativo presentado na Cámara.

“Ese é o maior avance recollido nesta lei, a súa pedra angular, deixar de considerar a transexualidade unha enfermidade para recoñecer que non sempre a identidade de xénero se corresponde co sexo asignado ao nacer. O que é o mesmo, que o xénero non ten nada que ver cos xenitais, que hai homes con vaxina e mulleres con pene”, destacou a  portavoz parlamentaria de Igualdade.

Por iso, o proxecto de lei redactado desde o colectivo LGTBi fala de “autoderminación e non de trastorno, de libre decisión e non de disforia, de acompañamento e non de tutelas”, indicou Rodil, quen valorou o cambio social e os avances aínda que quede moito por facer.

“Pouco a pouco e por impulso social os armarios van caendo”, salientou Rodil, quen demandou do PP que non se limiten a “buscar o titular e a foto” anunciando atención sanitaria específica para as persoas trans como lavado de cara para votar en contra deste proxecto de lei, como previamente fixeron contra o matrimonio igualitario.

“Teñen que decidir se apostan por avanzar no recoñecemento de dereitos”, xa que que o texto do colectivo LGTBi “blinda por lei o dereito a ser, a existir, fixando obrigas á administración pública para garantir que as persoas trans desenvolvan o seu tránsito social coas menores barreiras e dificultades posíbeis”, argumentou a viceportavoz parlamentaria.

A loita continúa

A lei é necesaria “para que Éric non teña que explicar por que o seu documento ten nome feminino e apelar á comprensión do policía da entrada do Parlamento, para que lle deixe pasar”, alegou Rodil recollendo unha situación que viven a diario as persoas trans, “á entrada dunha discoteca, da Axencia Tributaria, da porta de embarque dun aeroporto calquera ou mesmo na cola do supermercado se queren pagar con tarxeta”. 

Por iso, o proxecto de lei recolle a creación dun documento administrativo que garanta, en territorio galego, o tratamento das persoas trans de acordo coa súa identidade de xénero, “porque non despatoloxizan as unidades médicas, senón as leis recoñecendo dereitos, e iso é unha cuestión política”.

Ante o voto negativo do PP ao proxecto de lei Rodil proclamou dirixíndose a todo o colectivo LGTBi: “Vós non ides parar e nós tampouco, seguiremos loitando e vémonos nas rúas que é onde se ganan dereitos e non só no Parlamento”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG