O BNG apela a Ana Pastor a desbloquear o vergoñento veto da transferencia da AP-9

Luís Bará
Luís Bará

Bará ironiza coa submisión de Feijóo a Madrid: “Agora resulta que hai dúas ameazas para a unidade de España, Catalunya e a transferencia da AP9”

Petición dunha nova Deputación Permanente para solicitar a comparecencia de Feijóo

O BNG apela a Ana Pastor para desbloquear o segundo intento de veto do Goberno central á transferencia da AP-9 e, a través dunha carta dirixida á presidenta do Congreso, a portavoz nacional, Ana Pontón, salienta a súa dobre condición de máxima autoridade desta cámara e de deputada electa por Galiza.

“Diríxome a vostede tanto na súa condición de presidenta da Cámara baixa como de deputada electa pola provincia de Pontevedra, tendo en conta que é a Mesa do Congreso que vostede preside, e non o Goberno central, quen decide sobre a admisión a trámite desta Proposición de Lei, e tendo en conta tamén que foi vostede elixida polos galegos e polas galegas no convencemento de que ía defender os seus lexítimos intereses”, explica Pontón na súa misiva.

“E créame, acabar coa estafa legalizada das peaxes da AP-9, que cada día soportan 20.000 usuarios e usuarias, é un deses intereses lexítimos”, alega.

Como explicou en rolda de prensa o portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, esta “apelación expresa” a Pastor faise tras a última mostra de “submisión” do presidente a Xunta ao Goberno de Rajoy, asumindo o enésimo e peregrino argumento co que o Ministerio de Fomento volve vetar a transferencia.

“Agora resulta que hai dúas ameazas para a unidade de España, unha é e proceso de Catalunya e a outra a transferencia da AP9”, ironizou, para reclamarlle a Feijóo que “exerza como presidente deste país” e defenda os intereses dos e das galegas,  e deixe de agocharse tran invocacións á “lealdade institucional. “O que realmente amosa e vasalaxe institucional”, critica.

Bará considera que este segundo veto de Fomento supón “unha aldraxe a Galiza e un insulto ás 20.000 persoas que cada día sofren a estafa legalizada das peaxes”, pero supón tamén “unha humillación ao PPdeG e ao propio Feijóo”. De novo, o informe do ministerio “está cheo de falsidades e ignora o criterio dos servizos xurídicos do Parlamento galego”, que revisaron o texto da proposición de lei da AP9 precisamente para evitar calquera tipo de obxección técnica ou orzamentaria.

Deputación permanente

O deputado nacionalista avanzou que o BNG non se vai “quedar parado” e, como xa anunciara a portavoz nacional, solicitará unha nova convocatoria da Deputación Permanente para formalizar a solicitude de comparecencia de Feijóo sobre a AP9, no ánimo de que nesta ocasión sexa posible superar o veto do PP.

Á espera desa comparecencia, o Bloque volve poñer sobre a mesa as propostas de aplicación inmediata para mellorar o deficiente servizo que presta AUDASA, pese a aplicar unha das peaxes máis caras do Estado. Empezando por reclamarlle ao  Ministerio e a Xunta que abandonen a posición “morna” que teñen coa concesionaria.

Neste sentido, a formación nacionalista pide aplicar sancións á multinacional, apertura das barreiras das peaxes en caso de que as colas superen o quilómetro de retención e baixadas das tarifas polo menos nos tramos en obras. Pola contra, denunciou Bará, o que se anuncia por parte de AUDASA son novas subidas nas peaxes para 2018, razón pola que están presionando ás empresas que executan as obras de mellora ou ampliación.

“Seguiremos moi atentos este tema porque non imos permitir que se deterioren as condicións laborais por criteiros económicos”, indicou Bará, lembrando as condicións de explotación na que se estiveron facendo as obras de ampliación de Rande ata a denuncia sindical trasladada ao Parlamento polo BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG