O BNG alerta de que a involución democrática do Estado dá alas á extrema dereita

Ana Miranda, Ana Pontón e Josu Juaristi
Ana Miranda, Ana Pontón e Josu Juaristi

Ana Pontón: “Indigna ver á xustiza encadear políticos por defender as súas ideas e ao mesmo tempo permite a impunidade dos crimes franquistas”

Miranda e Juaristi organizan unha xornada de debate e denuncia na UE

A portavoz nacional, Ana Pontón, advirte que o momento de involución democrática que vive o Estado español está dando alas á extrema dereita, mesmo coa reaparición de actitudes fascistas, e critica “unha xustiza que encadea polític@s por defender as súas ideas mentres continúan impunes os crimes da ditadura e non ve delito cando a Fundación Franco fai apoloxía do réxime, unha xustiza convertida na ala dura da dereita máis extrema como é o caso da Audiencia nacional”.

Pontón denuncia que neste contexto “somos moitas as persoas preocupadas porque a involución democrática está dando alas á dereita máis extrema e ao fascismo, e non podemos permitir que se branquee nin o que foi o franquismo nin o que significa hoxe o fascismo”, declarou a dirixente do Bloque, tras lamentar o papel dalgunhas forzas da esquerda estatal “en pancartas ao lado de señores que defenden o réxime franquista”. Por contra, recalcou, “ha que dicirlle ao fascismo que non pode sentirse forte”.

Nesta conxuntura, o BNG organiza no Parlamento Europeo unha conferencia de debate e denuncia baixo o título Franquismo despois de Franco coa participación de académicos, historiadores, politólogos, responsables políticos, expertos e asociacións que traballan pola recuperación da memoria histórica, incluída a Xunta pro devolución do Pazo de Meirás auspiciada pola Deputación da Coruña e os concellos coruñés e sadense.

O acto terá lugar o 20 de novembro na Eurocámara, e foi presentado pola portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, e polo eurodeputado da coalición Os Pobos Deciden, Josú Juaristi.

franquismo after FrancoA gravidade da situación, “require poñer en marcha unha auténtica política da memoria en Galiza para reparar a débeda ética e moral coas vítimas e acabar co branqueo do franquismo”, salientou Pontón, para quen se o Pazo de Meirás, as esculturas do Pórtico da Gloria ou o Pazo de Cornide seguen en mans da familia Franco “é porque hai unha lexislación que ampara o espolio, por iso temos a obriga de actuar traballando desde o Parlamento, desde a Deputación da Coruña e agora tamén queremos levar o debate á Eurocámara”.

Pola súa parte, Miranda anunciou que o Bloque vai presentar unha denuncia ante a Comisión de Peticións da Eurocámara contra a Fundación Franco, que se suma á interpelación por escrito presentada xa ante a Comisión Europea. “Resulta chocante na UE que exista unha entidade á que se lle permite facer apoloxía da ditadura e mesmo reciba subvención públicas, como os 50.000 euros outorgados polo Goberno de Feijóo para xestionar as visitas ao Pazo de Meirás”, indicou a portavoz en Bruxelas.

Unha idea na que incidiu Juaristi, quen salientou que a involución democrática do Estado español “está suscitando preocupación e expectación e cada vez son máis os eurodeputad@s que nos preguntan como pode suceder isto. Por iso queremos que a UE se implique e dea pasos para que se acabe coa impunidade e traballar pola memoria e pola dignidade das vítimas”.

A conferencia conta co apoio de dous dos grandes grupos presentes no Parlamento Europeo: GUE/NGLE e Os Verdes-ALE, contará coa participación tamén de responsables da Comisión Europea “como executivo comunitario”, explicou Miranda, e coincide coa data do pasamento do ditador.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG