Aprobada a iniciativa do BNG para interpelar ao goberno arxentino sobre a desaparición de Santiago Maldonado

Santiago Maldonado
Santiago Maldonado

O Parlamento galego aprobou a iniciativa do BNG para instar ao Goberno do Estado a dirixirse ao Goberno arxentino para que realice todas as accións precisas co obxectivo de que se recupere con vida a Santiago Maldonado, activista dos dereitos humanos desaparecido tras a súa participación en defensa do pobo mapuche.

Este mozo de 28 anos, segundo testemuñas, foi arrestado polas forzas de seguridade da Xendarmaría nacional arxentina cando participaba nunha mobilización solidaria coa loita do pobo mapuche, que na actualidade conta con 1.700.000 persoas repartidas entre o Sur de Arxentina e Chile, un dos poucos pobos indíxenas que resistiron á colonización española.

As comunidades mapuches reivindican a propiedade dos territorios dos que foron expulsados, terras ocupadas  e  entregadas a empresas da inmigración europea. Entre os terreos que reivindican, figuran 900.000 hectáreas  da Compañía de Tierras Sud Argentina S.A da multinacional Benetton. En 2015 os mapuches ocuparon unha mínima parte desas terras onde crearon a comunidade Pulof.

O seu dirixente, Jones Huala, foi detido o 28 de xuño deste ano, e a pesar das protestas para pedir a súa liberación as mobilizacións sempre remataron cunha grande represión por parte das forzas policiais, como aconteceu o 1 de agosto na que desapareceu Santiago Maldonado.

Sen embargo, non pasou o veto do PP a petición do Bloque de instar ao Goberno arxentino a posta en liberdade dos presos e presas políticas do pobo mapuche e do seu líder, Jones Huala, así como o cese das violentas represións das forzas policiais arxentinas das protestas deste pobo, como aconteceu na mobilización do pasado 1 de agosto, coa desaparición que se denuncia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG