Ana Pontón reivindica á Rosalía feminista e rebelde e insta ás mulleres a participar na folga do 8 de marzo

Homenaxe do BNG máxima referente da literatura galega en vésperas da data do seu nacemento

O BNG rendeu homenaxe a Rosalía de Castro en vésperas da celebración do seu nacemento, acto que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou para reivindicar a total vixencia da Rosalía feminista, rebelde e vangardista ás portas da folga de mulleres do 8M a favor da igualdade, cuxa mera celebración está a ser criticada polo PP nun momento de “involución democrática”.

“En contraste coa imaxe deturpada que a oficialidade difundiu durante anos sobre Rosalía, queremos reivindicar a Rosalía rebelde, vangardista e feminista, unha muller adiantada aos seus tempos que aínda hoxe está cargada de moita modernidade e de moita incomodidade para os poderes establecidos”, salientou Pontón, quen ve na figura da escritora non só un dos referentes da literatura galega. “Detrás dela hai todo un ideario en defensa de Galiza, en defensa da nosa lingua e de principios tan necesarios como o feminismo”, proclamou.

Homenaxe a Rosalía de CastroValores todos máis necesarios que nunca, “que cobran forza ás portas do 8 de marzo no que queremos facer un chamamento ás mulleres para que participen na folga, para responderlle ao PP que o único insolidario é a desigualdade coas mulleres”, argumentou, “é inxusto que se cargue contra unha mobilización que pretende combater esas desigualdade que soportan as mulleres polo mero feito de selo, en lugar de loitar contra esa desigualdade”.

Pontón reivindicou “á Rosalía feminista, comprometida cunha Galiza dona do seu futuro, vangardista, rebelde, espírito absolutamente necesario e inspirador en tempos de involución democrática como nos que vivimos, para cambiar o guión e reivindicar valores que seguen sendo revolucionarios como é a defensa do idioma, dunha Galiza dona do seu futuro, a defensa das mulleres a vivir en igualdade e a defensa da xustiza social, valores que empapan toda a obra e vida de Rosalía”, reiterou.

A homenaxe a Rosalía, indicou a portavoz nacional do BNG, é tamén unha oportunidade para facer unha reflexión sobre a situación do galego que tanto puxo en valor esta escritora clave na literatura galega e universal.

Neste sentido, e ante a continuada perda de falantes denunciada pola RAG, Pontón tildou de “cinismo oceánico” as declaracións de Feixóo, “cando di que non hai ningún problema na situación do galego e que hai unha vitalidade do bilingüismo cordial, cando o que hai é unha vitalidade do acoso á lingua galega”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG