Ana Pontón: “O referendo deixou claro que a vontade dun pobo non se pode ilegalizar nin silenciar”

“O talón de Aquiles da democracia español é negar a existencia dos pobos catalá, vasco e galego, nun réxime do 78 que está esgotado”, salientou

O BNG considera que o Estado español “debe respectar o referendo que celebrou Catalunya e non seguir pola vía morta de negar a vontade cívica do pobo catalá a decidir”, sintetizaba a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión da Executiva para valorar a xornada do 1-O.

“A historia escríbena os pobos”, salientou citando a Salvador Allende, “e onte quedou claro que a vontade dun pobo a decidir non se pode ilegalizar nin silenciar con violencia”.

O BNG considera que o Estado “deu unha resposta da Idade Media a un debate do século XXI”, deixando en todas as portadas da prensa do mundo “unha imaxe lamentábel, impropia dunha democracia, que evidencia a deriva autoritaria do Estado español” usando a “violencia de Estado” contra unha cidadanía que deu exemplo de civismo e de responsabilidade.

Pero para a formación nacionalista, a xornada do 1-O non só evidencia o fracaso da estratexia represiva do Goberno central,  tampouco a resposta dos líderes das forzas estatais estiveron á altura das circunstancias, instalados todos, cada un co seu estilo, “no discurso rancio de España unha e grande”.

“Pon de manifesto que son incapaces de facer unha lectura axeitada do que está pasando en Catalunya, nin do momento político que se está a vivir”, alegou Pontón,  “as declaracións dos líderes das forzas estatais demostran o desnorte no que están inmersos e a súa incapacidade para facer unha lectura correcta do que pasa en Catalunya”.

Neste sentido, a portavoz nacionalista, cualificou de “ridículo” negar a celebración do referendo, “pero tampouco se pode reducir o debate á figura de Rajoy e a súa incapacidade para dialogar” e empeñarse en salvar o esgotado réxime do 78.

“O debate de fondo ten que ver co réxime do 78 e cunha constitución que nega a existencia dos pobos catalán, vasco e galego. Esta negación, -salientou Pontón-, é o talón de Aquiles da democracia española” que afecta tanto ao PP como ao restos das forzas estatais.

“Ningún demócrata pode opoñerse a que os pobos decidan en liberdade o seu futuro, nin pode ignorar a declaración de dereitos humanos que recolle o dereito á autodeterminación, e por moito que se empeñen en salvalo, o réxime do 78 está tocado e esgotado e son as nacións sen estado quen están abrindo unha porta á esperanza para construír un país con oportunidades, cada quen desde a súa propia realidade e coa súa propia folla de ruta”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG