Ana Pontón propón un plan de recuperación económica e ambiental para os concellos destruídos polo lume

Presentación das Bases democráticas en Vigo
Presentación das Bases democráticas en Vigo

Nun acto público na cidade olívica  destaca a solidariedade dos vigueses e viguesas no combate contra os incendios 

 A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirma en Vigo que “hai incendiarios pero tamén políticas incendiarias” e propón un “Plan integral” de recuperación económica e ambiental  para todos os concellos destruídos polos incendios.

Hoxe e estando en Vigo, dixo, resulta inevitable non referirnos aos incendios sobre todo nun día no que soterraban a dúas das vítimas. “Todos e todas sentimos unha grande dor e trasladamos todo o noso apoio e  afecto  ás familias, amigos e amigas de Maximina e Angelina”.

Pontón felicitou á cidadanía viguesa pola súa solidariedade e loita contra os incendios que o domingo cercaron a cidade.

Presentación das Bases democráticas en VigoRESPONSABILIDADE POLÍTICA NOS INCENDIOS

Neste momento é necesario facer balanzo e existe unha responsabilidade política que o goberno debe asumir, agregou Pontón que apelou á urxencia para “paliar os efectos económicos, sociais e medioambientais” provocados polos incendios. Nesta liña, reiterou a necesidade de poñer en marcha “unha actuación  integral” porque, ao seu xuízo, “non chega cun  conxunto de axudas desconectadas e das que descoñecemos a súa contía”. É preciso aplicar “un  plan integral de recuperación económica, ambiental e social” das zonas afectadas polos lumes e non podemos esquecer que houbo concellos nos que ardeu unha parte importantísima do seu territorio. “Hai un desastre ambiental, económico e unha grande dor en termos humanos”.

A Xunta, indicou a líder nacionalista, debe actuar con “celeridade, diálogo cos concellos e poñer  en marcha un plan integral de recuperación económica e ambiental”, trala vaga de lumes que acabamos de sufrir.

BASES DEMOCRÁTICAS PARA EMPODERAR GALIZA

No transcurso do  acto público celebrado hoxe en Vigo  para presentar a proposta do BNG expresada nas Bases Democráticas, a nacionalista afirmou “queremos que Galiza como nación dea un paso adiante no seu poder político real” e permitir contar con instrumentos para desenvolver o noso país, mellorar os servizos públicos, blindar dereitos sociais avanzados e construír unha Galiza das oportunidades”. Ademais, engadiu, facémolo nun momento no  que é importante que como nación teñamos unha posición moi clara no debate que se vai a abrir e Galiza non pode permanecer como mera espectadora, “debe tomar a iniciativa e un pobo só pode avanzar si enfronta os retos que ten por diante”.

O actual Estatuto e a Constitución non permitiron que Galiza puidera desenvolver todo o noso potencial e hai problemas estruturais que seguen estando presentes e mesmo foron agudizados nestes anos de crise e coa “recentralización política impulsada polo Partido popular e partido socialista e esa é unha receita letal para o noso país, para a nosa economía, a nosa lingua e cultura”. Pontón  insistiu na necesidade de dar un “xiro ao poder político galego” porque de non ser así, advertiu,  veremos como Galiza sae “moi mal parada” do novo escenario político que se está a abrir.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG