Ana Pontón propón un pacto de país “para acabar coas políticas forestais pirómanas dos gobernos do PP”

Responsabiliza a Feijóo do despido de 500 brigadistas en vésperas da vaga de lumes e denuncia o caos e o colapso dos  servizos de emerxencia

Propón unha comisión de estudo que investigue, analice e determine responsabilidades co obxectivo de evitar que se repita un 15-O

A portavoz nacional, Ana Pontón, propúxolle ao presidente da Xunta un pacto de país para acabar cunha política forestal fracasada que queima Galiza, para poñer en marcha un modelo que substitúa o negocio do lume pola limpeza e posta en valor do monte, ordene o territorio e free o abandono do medio rural.

“Efectivamente señor Feijóo, Galiza non arde, a Galiza quéimana,  quéimana os incendiarios, pero tamén as políticas pirómanas dos gobernos do PP que inzan o país de eucaliptos, a Galiza quéimana as portas xiratorias de ENCE, a  Galiza quéimana as políticas de abandono do rural e a falta de ordenación do territorio”, salientou Pontón no debate no Parlamento, no que o BNG evitou “polémicas estériles” porque o obxectivo é “evitar que volva repetirse un 15-O”.

A dirixente do Bloque responsabilizou ao presidente da Xunta de ter despedido a 500 brigadistas en véspera da vaga de lumes, pese a estar ante unha situación de risco excepcional, -“dous días despois recibiron un correo dicíndolles que se reincorporaban o luns, pero o lume non esperou ao luns”-. Responsabilizou a Feijóo de incumprir a normativa das franxas de seguridade con vivendas e infraestruturas, de recortar e precarizar o dispositivo de extinción e de incumprir o Plan forestal: “Galiza arde e ENCE triplica beneficios”, sintetizou.

A isto sumou o “caos total” dos servizos de emerxencia e un presidente que, ante unha situación dramática, tivo como principal preocupación construír “un relato autoexculpatorio” utilizando a unha TVG e unha RG “que incumpriron o seu deber de servizo público, que mentres ardía Galiza retransmitían Land Rover e información deportiva”, denunciou a portavoz nacional.

Pontón foi moi crítica coa xestión “incompetente e mentirán” do Goberno, cun vicepresidente “máis dedicado a preparar mocións de censura que a coordinar as emerxencias”, unha conselleira de Medio Ambiente “que xestiona os parques nacionais pero ignora se o eucalipto arde máis que un carballo”, e unha conselleira de Medio Rural “que mobilizou cinco helicópteros gastando 20.000€ para sacarse unha fotos cando os días da traxedia os e as galegas non tiñan medios suficientes”.

Xiro de 180º

Co obxectivo de facer “un debate útil para o país”, Pontón propúxolle ao presidente da Xunta “un pacto de país en defensa do noso monte, que pasa polo cambio radical da política forestal fracasada e pirómana dos últimos trinta anos, dar un xiro de 180 grados para evitar que Galiza continúe a ser un polvorín. Ir ás causas reais é a única maneira de resolver este problema e fíxenlle esta proposta fai meses por carta sen que se molestase en contestar, pero está  a tempo de rectificar”.

O BNG tamén propuxo a creación dunha comisión de estudo, que investigue, analice e dirima responsabilidades na vaga de lumes, “non facelo é irresponsable porque necesitamos saber que fallou para facer as cousas ben”, indicou, tras pedir a Feijóo que deixe de lado a súa “soberbia, prepotencia e paternalismo, que deixe de tomarse a cachondeo ao Parlamento e que non lle falte ao respecto aos galegos e galegas vindo a esta Cámara a dicir que todo se fixo ben”.

Pontón volveu  ter palabras de solidariedade coas vítimas da vaga de lumes e as súas familias, de recoñecemento polo traballo e entrega de todos os e as profesionais que loitaron contra o lume, mesmo en condicións de precariedade, e volveu expresar o seu “orgullo e admiración” ante a resposta do pobo galego sen cuxa capacidade de auto organización a traxedia tería sido maior.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG